A Escola de Vela adaptada para persoas con discapacidade física e psíquica do MRCYB é posible un ano máis grazas ao convenio coa Xunta

Nos últimos anos vense ofrecendo tamén a persoas maiores, nenos tutelados e mulleres vítimas de violencia de xénero

Baiona (Pontevedra), 22 de maio de 2023 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de asinar co presidente do Monte Real Club de Iates de Baiona (MRCYB), José Luis Álvarez, o contrato de patrocinio polo que a Xunta achega á entidade un total de 8.000 euros para a realización da Escola de Vela adaptada para persoas con discapacidade física e psíquica.

Segundo aseguraron secretario e presidente, “a accesibilidade debe de ser unha das prioridades da práctica deportiva”, por iso Xunta e MRCYB unen os seus esforzos para loitar por ese deporte “plural, diverso, sen xénero nin idade, para todos e para todas, enriquecedor da sociedade, transmisor de valores, formador, igualador e motor de cambio social”. “Para acadar este deporte temos que traballar día a día e unir as nosas forzas todas as administracións públicas, empresas galegas e a sociedade en xeral”, dixo o mandatario galego.

No seu relatorio, Lete Lasa lembrou que a Xunta de Galicia traballa “día a día para mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional” e salientou que desde a Secretaría Xeral “farémolo do mellor xeito que sabemos: garantindo á accesibilidade ao deporte”. Neste sentido lembrou os excelentes resultados dos Xogos Paralímpicos de Toquío nos que o 87,5 % dos deportistas galegos regresaron entre os oito mellores do mundo.

Escola de Vela adaptada

A Escola de Vela Adaptada Monte Real Club de Yates, posta en marcha hai máis dunha década, ten como principal obxectivo ofrecer ás persoas con diversidade funcional a posibilidade de practicar a vela en igualdade de condicións.

Aínda que nun principio creouse unicamente para persoas con diferentes discapacidades (físicas, sensoriais, intelectuais ou psíquicas), nos últimos anos foise ampliando e, na actualidade, tamén ofrece actividades para persoas maiores, nenos tutelados e mulleres vítimas de violencia de xénero. Por ela pasaron centos de estudantes de colectivos e asociacións de distintos puntos de Galicia, dende a súa creación en 2012, para navegar pola baía de Baiona nas embarcacións adaptadas do club.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2023