250 galegos retornados fórmanse para acceder a un posto de traballo por conta allea no programa de empregabilidade coordinado por Emigración e Ronsel

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou nunha das actividades formativas que pon en marcha a Fundación Ronsel para axudar na inser-ción laboral e no coñecemento do mercado laboral galego para persoas galegas re-tornadas

O obxectivo é que estas persoas, moitos delas bolseiras Beme que están a estudar un máster nunha das tres universidades galegas, teñan máis sinxelo atopar un pos-to de traballo e adaptarse á sociedade galega

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu esta mañá a unha das actividades formativas que está a desenvolver, desde fai unhas semanas, a Fundación Ronsel en colaboración con este departamento autonómico, para facilitar ferramentas que permitan aos galegos retornados atopar un emprego por conta allea.

 

As actividades están conformadas por pequenos grupos de alumnos cada unha, e teñen como obxectivo facilitar a maior cobertura posible aos galegos que volven á comunidade autónoma no seu proceso de adaptación á sociedade galega, en concreto, aportándolles ferramentas que lles faciliten a busca de emprego por conta allea.

 

Recentemente a Secretaría Xeral da Emigración e a Fundación Ronsel firmaron un convenio de colaboración co obxectivo de poñer en marcha diversas accións conxuntas destinadas a que as persoas emigrantes retornadas melloren a súa busca de emprego ou poñan en marcha, de xeito exitoso, o seu propio negocio en Galicia. 

 

Con este obxectivo, Ronsel realizará, ao longo dos próximos meses, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, obradoiros grupais, charlas e cursos, así como se levarán a cabo itinerarios individualizados de inserción laboral adaptados ás condicións particulares de cada un dos participantes. Estas accións, que buscan a eficiencia na busca de traballo por conta allea, van dirixidas a un máximo de 250 persoas emigrantes retornados.  

 

A Fundación Ronsel é unha entidade de carácter privado sen ánimo de lucro que ten como obxectivo o desenvolvemento e fomento económico galego, e, en particular, a creación de emprego, así como a mellora competitiva do tecido empresarial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2023