A Xunta destaca o potencial de Galicia no desenvolvemento de enerxías renovables e as oportunidades no eido industrial

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na Coruña nun almorzo coloquio con Nordés Club Empresarial no que lembrou que segue aberto o prazo para achegar suxestións ao anteproxecto de Lei de recursos naturais

A Coruña, 30 de maio de 2023 O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na Coruña nun almorzo coloquio con Nordés Club Empresarial, no que destacou o potencial de Galicia no desenvolvemento de enerxías renovables e as oportunidades que isto supón no eido industrial para a implantación de proxectos.

Neste sentido, ademais das medidas activadas polo Goberno autonómico e as modificacións lexislativas realizadas para favorecer, por exemplo, a firma de contratos de compravenda de enerxía a longo prazo a prezos competitivos, estase traballando no anteproxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia. O texto legal está aberto, nestes momentos, a recibir achegas que poidan melloralo e conseguir unha norma o máis consensuada posible, polo que animou aos asistentes a realizar as súas propostas.

O anteproxecto regula diferentes aspectos como a análise integral á que serán sometidos os proxectos; a constitución dunha sociedade mixta que poderá ser titular de proxectos de aproveitamento de recursos; a creación dun canon para gravar as liñas eléctricas que conectarán os parques de eólica mariña; o desenvolvemento dos proxectos de autoconsumo nas áreas empresariais; así como a creación dun fondo da Xunta para a recuperación de territorios afectados por incendios e que contará con achegas de empresas; ou o impulso dun sistema voluntario de créditos de carbono.

Na súa intervención, explicou que a Axenda Enerxética de Galicia 2030 recolle os obxectivos para avanzar na transición enerxética e alcanzar a neutralidade climática, ao tempo que informou das liñas de axudas abertas para acompañar ás empresas, como os apoios para impulsar o autoconsumo eléctrico, a mobilidade eléctrica, a eficiencia enerxética, a planificación de comunidades enerxéticas ou o Bono Enerxía Peme.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2023