Comesaña destaca a posición pioneira de Galicia na innovación dixital en saúde

A aplicación Sergas Móbil conta con preto de dous millóns de usuarios

Máis dun millón de galegos e galegas consultaron electronicamente os datos da súa historia clínica en 2022

Baiona (Pontevedra), 30 de maio de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, no acto de inauguración da XIII Reunión do Foro para a gobernanza das TIC en saúde, a posición pioneira de Galicia na innovación dixital en saúde. O responsable do Sergas subliñou que as tecnoloxías dixitais amosaron ter un potencial transformador do sistema sanitario no acceso á atención sanitaria, a eficiencia do sistema, a calidade da atención e a seguridade do paciente. Segundo incidiu na súa intervención, “a Xunta aposta claramente dende hai anos, por empregar as tecnoloxías da información como panca desa transformación”.

Tamén destacou Comesaña que Galicia experimentou un importante crecemento do uso de aplicacións dixitais de saúde, e claros exemplos diso son “os preto de dous millóns de usuarios da aplicación Sergas Móbil e os máis dun millón de persoas que consultaron a información da súa historia clínica electrónica no pasado ano”.

Para o titular da carteira sanitaria, unha estratexia clara do Sergas foi “a organización das tecnoloxías da información baixo un modelo corporativo”, onde as unidades de TIC teñen unha forte dependencia funcional e as decisións se toman de forma consensuada e cun enfoque global de organización.

Na actualidade, a Xunta, -proseguiu o conselleiro-, “está inmersa no reto de potenciar a transformación dixital do sistema público de saúde galego”, que se asenta en catro piares básicos que son a realización dunha transformación dixital cohesionada, humanizada e garantindo a inclusión dos colectivos máis vulnerables; conseguir que a nosa organización se estruture e basee as súas decisións na xestión intelixente do dato; que estea conectada e accesible para o paciente e que utilice a tecnoloxía como panca de transformación e, ademais, unha organización cibersegura.

Tal e como incidiu o conselleiro, “as prioridades de transformación dixital do sistema público de saúde de Galicia nos próximos anos as desenvolveremos a través do Plan de transformación e saúde dixital”, que este xoves abordarase na reunión do Executivo galego.

Seguimento personalizado dos pacientes

O responsable do Sergas tamén puxo en valor servizos como a telemedicina ou a atención virtual, que permite un seguimento máis personalizado, sistemático e continuado dos pacientes. Claros exemplos disto son a plataforma TELEA ou a e-interconsulta.

Tamén sinalou Comesaña que en Galicia “queremos que a introdución da intelixencia artificial no noso sistema de saúde se faga dun xeito ético e responsable, con máximo respecto á privacidade dos datos e á robustez dos algoritmos que se empreguen”.

Así mesmo, dende a Xunta “tamén apostamos por desenvolver infraestruturas para mellorar a xestión de investigación, creando plataformas de investigación, implantando sistemas de biobancos dixitais e establecendo modelos unificados de almacenamento e uso de datos sanitarios”, concluíu Comesaña.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2023