O conselleiro de Educación participa na xornada de exhibición dos mellores proxectos de Polos, con 21 centros premiados pola calidade das súas propostas

Román Rodríguez salienta que os Polos creativos marcarán “un antes e un despois na educación galega do século XXI”

Sinala que a Xunta vai incorporar estes espazos tecnolóxicos a todos os centros que imparten 2º ciclo de Infantil, Primaria e ESO a partir do vindeiro curso

Con esta acción, enmarcada na Estratexia Galega de Educación Dixital, búscase “garantir que os rapaces saian da escola preparados para os retos da sociedade actual”

Cun investimento de 19M€, despregaranse máis de 80.000 elementos de equipamento especializado de audiovisual e fotografía, electrónica e robótica, fabricación e construción e téxtil e informática, adaptados a cada nivel ao que van dirixidos

Alumnos e profesorado explicaron nos stands os seus proxectos nunha xornada que se abriu cun relatorio de LLuís Miralles i Verge, xefe de proxectos do CER
 

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salienta a aposta do Goberno Galego por un sistema de ensino innovador e adaptado ás novas necesidades de futuro no que os Polos Creativos van marcar “un antes e un despois na educación galega do século XXI”.

Así o sinalou esta mañá con motivo da súa participación nas Xornadas de exhibición dos mellores proxectos de Polos logo do seu primeiro curso de implantación, no que a Consellería entregou os galardóns a 21 colexios e institutos que destacaron polas súas propostas. A xornada abriu cun relatorio de Lluís Miralles i Verge, xefe de proxectos do CERN, e completouse cun percorrido polos stands onde os asitentes puideron coñecer da man do alumnado e do seu profesorado cada unha das propostas premiadas.

Na súa intervención, Román Rodríguez explicou que a partir do vindeiro curso o cen por cen dos colexios e institutos sostidos con fondos públicos que imparten ensinanzas regradas de 2º ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria van contar con estes espazos tecnolóxicos. Segundo dixo, a ampliación desta acción, que se puxo en marcha de xeito pioneiro no presente curso, responde “á obriga da Administración de proporcionar ferramentas para que os nosos rapaces cheguen á idade adulta coa mellor formación posible”. “Temos que garantir que saian da escola preparados para os retos da sociedade do século XXI”, abondou.

A este obxectivo responde precisamente a dotación de Polos Creativos, configurados como espazos de innovación educativa onde os alumnos poder levar á práctica os coñecementos teóricos adquiridos a través da resolución de problemas reais. “Todo isto -explicou o conselleiro- permite que os alumnos cheguen á clase ilusionados e saian dela coa sensación de que o aprendido ten utilidade”.

De feito, así o puido comprobar na visita aos expositores onde os centros galardoados exhibían as súas propostas, realizadas a raíz dun reto lanzado pola Consellería que consistía en elaborar iniciativas a partir do material de refugallo que se lles enviou co material dos Polos Creativos (caixas, palés, plásticos...).

Lanzáronse seis retos: mellor material científico-matemático, mellor material didáctico-demostrativo, mellor proxecto artístico, mellor solución de accesibilidade e convivencia, mellor recurso de comunicación cultural/social e mellor proxecto de fomento de hábitos de vida saudable. En total, presentáronse 75 propostas, das cales foron seleccionadas as 21 mellores a razón de seis de centros de Primaria e outros seis de Secundaria que se alzaron cos primeiros premios, 8 accésit e unha mención de honra (a listaxe de premiados coa descrición dos proxectos pode consultarse no documento adxunto).

80.000 unidades de equipamento especializado

A partir do vindeiro curso máis de 1.200 centros educativos (uns 1.000 novos que se engade aos 225 polos que xa funcionan este curso) contarán con este servizo, grazas a un investimento de 18,7M€ por parte da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, aprobado onte no Consello da Xunta. Tamén disporán do material todas as aulas hospitalarias e haberá conxuntos de equipos específicos para a atención domiciliaria.

En total, despregaranse máis de 80.000 unidades de equipamento especializado de audiovisual e fotografía, electrónica e robótica, fabricación e construción e téxtil e informática, con kits adaptados aos niveis educativos aos que van dirixidos. Haberá equipos de electrónica básicos e avanzados para diferentes idades, robots de chan e programables, placas microbit, microcontroladores, sistemas domóticos, circuítos de papel, escaneado e impresión 3D, tabletas, xogos de construción de pezas encaixables e sistemas para a creación de audiovisuais, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/06/2023