Lorenzana entrega no Parlamento o informe anual de violencia de xénero de 2022

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, fixo entrega hoxe, ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, do Informe anual de violencia de xénero 2022, elaborado polo seu departamento, así como doutros dous informes específicos anexos sobre as prestacións periódicas que a Xunta concede ás vítimas da violencia de xénero e sobre as violencias sexuais.

O desenvolvemento de mecanismos legais, económicos e sociais que preveñan e loiten contra a violencia de xénero constitúe unha acción prioritaria do Goberno galego. Os informes hoxe entregados pola conselleira de Igualdade, María Jesús Lorenzana, ao Parlamento, sitúan a Galicia como referente no apoio dispensado ás vítimas, desde un punto de vista transversal tanto no eido da prevención e sensibilización, como do apoio e atención integral ás mulleres afectadas pola violencia machista. Unha das últimas iniciativas que levou a cabo a Xunta de Galicia neste ámbito é recoñecer ás vítimas de explotación sexual como vítimas da violencia de xénero, un feito que permite que accedan aos recursos económicos que a Administración autonómica ofrece neste eido, como son, entre outros, as axudas mensuais de ata 800 euros que o Goberno galego ofrece a todas as vítimas violencia machista.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2023