A Xunta concede axudas a 144 entidades de acción voluntaria para a realización de actividades neste ámbito

O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a resolución desta convocatoria de subvencións

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a relación de entidades de acción voluntaria de carácter privado beneficiarias das axudas para o fomento e a realización de actividades neste ámbito que convoca a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Ao abeiro desta liña de subvencións, resoltas en réxime de concorrencia competitiva, a Xunta concede fondos a un total de 144 entidades por un montante conxunto superior aos 145.000 euros.

Con estas achegas fináncianse iniciativas e programas desenvolvidos polas entidades desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro, tales como o desenvolvemento de xornadas e estudos para dar a coñecer a realidade do voluntariado; cursos de formación; a incorporación de novas tecnoloxías dentro das entidades como, por exemplo, o deseño e mantemento de páxinas web; ou accións que fomenten o traballo en rede e a coordinación entre as diferentes entidades.

A través desta orde de axudas a entidades de acción voluntaria, a Xunta colabora na promoción de actividades neste eido e tamén recoñece o labor que estas e as persoas voluntarias achegan á sociedade ao contribuír e influír no desenvolvemento comunitario.

Data de actualización: 06/06/2023