A Xunta abre a convocatoria das axudas a proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global executados polas ONGD

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases para o financiamento de actividades relacionadas coa sensibilización, concienciación, formación e investigación sobre o desenvolvemento, así como a incidencia e a mobilización social co obxectivo de crear redes de solidariedade na comunidade

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2023 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das axudas para proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executen as Organizacións Non Gobernamentais de Desenvolvemento (ONGD), cun importe de 600.000 euros ata 2024. A subvención terá unha dotación distribuída entre os 240.000 euros deste 2023 -o 40 % do total- e os 360.000 euros previstos para o próximo ano.

Pódense financiar actividades que forman parte da educación para o desenvolvemento desde catro perspectivas: a sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza; a formación sobre o desenvolvemento e a súa difusión nos ámbitos educativos; a investigación neste ámbito; así como a incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na sociedade.

As entidades beneficiarias da concesión de subvencións son as ONGD e agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación, isto é, universidades, empresas e organizacións empresariais, sindicatos, as comunidades galegas no exterior, e outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.

O importe máximo para  proxectos individuais executados neste 2023 será de 25.000 euros e de 35.000 euros se se trata de iniciativas individuais plurianuais. No caso de proxectos plurianuais presentados por varias entidades en agrupación a contía da axuda poderá acadar os 45.000 euros, se son programas plurianuais, e de 35.000 euros, se son anuais.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal/) no prazo dun mes desde mañá.

Data de actualización: 07/06/2023