O conselleiro do Medio Rural visitou hoxe en Teo unha zona na que se están levando a cabo estes traballos de supervisión

A Xunta comeza coa inspección do estado da xestión de biomasa nas faixas secundarias preto das casas, que se verá complementada este ano co labor das brigadas municipais

José González salientou que este ano haberá preto de mil persoas sobre o terreo en toda Galicia -entre técnicos da Xunta e membros das brigadas municipais- comprobando o estado da biomasa nas faixas preto das vivendas

Sinalou que tras a inspección, poderase proceder de xeito máis áxil ás execucións subsidiarias para limpar os predios non xestionados, grazas á modificación legal pola que os apercibimentos aos propietarios son válidos por catro anos

O convenio de defensa das aldeas fixo posible a inspección de 85.000 hectáreas e máis de 1,2 millóns de parcelas entre 2021 e 2022, cunha superficie xestionada que pasou de representar a metade no 2019 a acadar o 70% no 2022

Teo (A Coruña), 7 de xuño de 2023 A Xunta inicia a comprobación do estado da xestión de biomasa nas faixas secundarias, isto é, nas dos 50 metros máis próximos ás vivendas, que este ano se verá complementada co labor das brigadas municipais. En total, haberá preto de mil persoas -entre técnicos da Xunta e membros das brigadas municipais- comprobando o estado da biomasa nestas franxas.

Así o destacou esta mañá o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa visita ao concello de Teo para comprobar de primeira man este tipo de labores, onde puxo de relevo que -tras a inspección- agora poderase proceder de xeito máis áxil ás execucións subsidiarias para limpar as parcelas non xestionadas polos seus propietarios, grazas á modificación legal pola que os apercibimentos aos particulares son válidos por catro anos.

Así, o titular de Medio Rural -que estivo acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e pola directora-xerente de Seaga, Luisa Piñeiro- asegurou que este labor de inspección é unha tarefa prioritaria de cara á anticipación dos lumes que vén recollida no marco do acordo de colaboración entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga. Desta forma, engadiu, ademais de apoiar os particulares e os concellos no cumprimento da normativa ao respecto da prevención de incendios forestais nas proximidade das vivendas, tamén se revisa esa obriga que contribúe a protexer as persoas e os seus bens fronte ao lume.

Ademais, matizou José González, o Goberno galego vén de asinar convenios con diversos concellos galegos para que poidan constituír as brigadas municipais contraincendios que este ano se poderán encargar tamén -como novidade- de revisar o estado de xestión da biomasa nas franxas secundarias. Desta forma, engadiu, refórzase a inspección para asegurar unha correcta protección aos núcleos de poboación, máis aló dos traballos de roza e extinción que xa viñan desenvolvendo estas brigadas.

Unha vez realizadas esas inspeccións, o titular de Medio Rural salientou as melloras introducidas na normativa sobre incendios forestais para reforzar dita prevención. Así, modificouse a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia para facilitar e axilizar a execución dos labores de xestión da biomasa.

Desta forma, sinalou José González, precisouse mellor que a obrigación de xestión de biomasa é durante todo o ano, aínda que desde finais de maio se intensifiquen os controis e desde principios de abril para aqueles que incumpriron nos últimos catro anos as súas obrigacións de xestión. Ademais, dito apercibimento aos particulares é válido por catro exercicios, o cal soluciona o problema de ter que apercibir todos os anos e abriuse a posibilidade de proceder directamente á execución subsidiaria por parte da Administración competente naquelas parcelas de propietarios que desatenderan ditos avisos. Por último, tamén se solucionou o problema do cobro dos custos da execución subsidiaria, xa que ata o momento non se podía recadar pola Administración autonómica, por corresponder a unha competencia municipal, matizou o titular de Medio Rural.  

Xestión da biomasa

Na visita, o conselleiro do Medio Rural lembrou que o 89% dos concellos galegos están adheridos ao convenio de protección das aldeas. Neste senso, José González puxo en valor as preto de 85.000 hectáreas e máis de 1,2 millóns de parcelas incluídas na rede de faixas secundarias inspeccionadas entre 2021 e 2022; así como a superficie xestionada -ben polos propietarios, ben de xeito subsidiario-, a cal pasou de representar a metade do total en 2019 a acadar o 70% en 2022. 

No caso do concello de Teo, tamén está adherido ao convenio de protección das aldeas e conta con dúas parroquias priorizadas: a de Cacheiras e a de Calo. Nas inspeccións do pasado ano, preto do 84,5% da superficie priorizada deste concello estaba xestionada, o que dá mostra da toma de conciencia da poboación.

Por último, cómpre lembrar que para facilitarlles aínda máis esa tarefa de xestión biomasa aos particulares, este ano implementouse como novidade un visor público para que os cidadáns dos concellos que contan xa co seu plan municipal de prevención aprobado poidan consultar as parcelas incluídas nas faixas secundarias, co gallo de impulsar a súa prioritaria limpeza. Precisamente, o concello de Teo é un deles, xa que desde agosto de 2020 ten o seu plan municipal de prevención aprobado de forma definitiva.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2023