Diego Calvo destaca a fortaleza da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia como evento multisectorial

O vicepresidente segundo da Xunta participou xunto co conselleiro do Medio Rural e a conselleira do Mar na apertura da 45ª edición

O encontro, que se prolonga ata o domingo cunha ampla programación, acada a maior cifra de expositores directos dos últimos anos e medra en presenza institucional

Os salóns paralelos sobre alimentación, turismo e caza, pesca e natureza ofrecen arredor de 200 propostas para profesionais e público xeral nas que se combina tradición e innovación

Silleda (Pontevedra), 8 de xuño de 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na inauguración da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia nun acto que contou tamén coa presenza do conselleiro do Medio Rural, José González, e coa conselleira do Mar, Rosa Quintana. Na súa intervención, Calvo destacou a fortaleza deste evento multisectorial que chega á 45ª edición coa maior cifra de expositores directos dos últimos anos, con 740 distribuídos en máis de 17.000 metros cadrados, e que medra en presenza institucional de ámbito nacional e internacional.

Para o vicepresidente segundo, a potencialidade organizativa e de loxística do recinto Feira Internacional de Galicia Abanca situado en Silleda é unha das claves do éxito da Semana Verde, xa que a súa versatilidade permite ofrecer, ademais das feiras profesionais, unha ampla programación con actividades de ocio, deportivas e gastronómicas, certames ecuestres e caninos, e concursos gandeiros. Convértese así “nun universo de coñecemento, de experiencias e de sensacións tanto para profesionais como para o público xeral”, apuntou.

Neste sentido, Diego Calvo enxalzou a capacidade de innovación do evento, con arredor de 200 propostas que combinan accións tradicionais que convocan cada ano un público fiel coas máis innovadoras, sobre todo no salón de alimentación e turismo. Así, sinalou a presenza de preto de 80 innovacións alimentarias lanzadas ao mercado no último ano, como o xeado de polbo ou a marmelada de olivas e anís, entre outras.

Encontros profesionais

Canto á vertente profesional, o vicepresidente segundo referiuse ás xuntanzas entre compradores alimentarios, nas que está previsto que participen unha trintena de representantes de 19 países, e entre turoperadores, que contarán tamén cunha trintena de representantes con presenza en 12 países.

Como cada ano, a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia acolle catro salóns paralelos co Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca), a Feira de caza, pesca e natureza (Fecap Abanca), o Salón Turístico de Galicia (Turexpo), e a Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) que se converten nos mellores escaparates do carácter punteiro galego en cada un destes sectores. A eles súmanse eidos como a gandería, o enerxético a través da biomasa, o da maquinaria agrícola ou o das mascotas. O evento prolóngase ata o domingo 11, con acceso de balde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/06/2023