Comesaña pon en valor o traballo desenvolto polos internistas durante a pandemia, no marco da 39ª Reunión da Sociedade Galega de Medicina Interna

O titular de Sanidade cualifica o labor dos facultativos desta especialidade “de vital importancia para asegurar a sostibilidade do sistema sanitario”

Medicina Interna foi a especialidade que contou cun maior número de prazas na recente convocatoria por concurso de méritos da Xunta, con 22 novos especialistas, que terán como destino os hospitais comarcais do Servizo Galego de Saúde

Ourense, 9 de xuño de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou esta tarde en Ourense o traballo desenvolto polo médicos internistas do Servizo Galego de Saúde durante a pandemia provocada pola covid-19, no marco do XXXIX Congreso da Sociedade Galega de Medicina Interna (SOGAM).

Durante as xornada de hoxe e mañá, o Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá a expertos nacionais deste ámbito da Medicina, que levarán a cabo diferentes conferencias, obradoiros e mesas redondas, nas que se afondará sobre os últimos avances producidos no amplo abano de patoloxías que atende esta especialidade.

No acto inaugural do Congreso, o titular do departamento sanitario da Xunta remarcou a capacidade de liderado dos profesionais da Medicina Interna do Sergas que, de xeito diario, conseguen prestar unha atención de máxima calidade nun ámbito no que interveñen equipos de carácter multidisciplinar.

Así, Comesaña cualificou o labor dos internistas “de vital importancia para asegurar a sostibilidade do sistema sanitario”, agradecendo a súa implicación no desenvolvemento de prácticas de conciliación terapéutica, a atención a pacientes crónicos complexos, ou as súas constantes achegas ao eido da investigación e da docencia.

De acordo a importancia desta especialidade, abundou o conselleiro, a Xunta decidiu manter os seu cadros de persoal en toda a rede pública galega e, ademais, reforzar as plantillas da Medicina interna na práctica totalidade dos hospitais comarcais, sendo a especialidade con máis prazas convocadas (22), na recente convocatoria por concurso de méritos.

No peche da súa intervención, o conselleiro de Sanidade fixo mención especial ao traballo desenvolto polos especialistas de Medicina Interna durante os tres anos de crise sanitaria, unha etapa na que, ademais de asumir un gran número de ingresos de alta complexidade, tamén pilotaron dispositivos de nova creación para atender aos pacientes covid-19, como foi o caso do Equipo de Seguimento Compartido de Atención Primaria-Hospitalaria (ESCAH), ou as actuais Unidade de Atención á Covid Persistente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2023