A Xunta buscará a reinserción laboral dos 303 traballadores de Alu Ibérica despedidos en 2022 a través do proxecto FEAG-Empregal dotado con 1,5 M€

Rueda resalta que o obxectivo é que as persoas afectadas “atopen un novo posto de traballo ou emprendan un negocio”

Lembra que a industria electrointensiva “foi un dos sectores” máis prexudicados polo aumento “dos custos enerxéticos”

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio con organizacións sindicais e empresariais (Asime, UGT, CCOO, CIG) para desenvolver, ata 2025, medidas para a cualificación, orientación e incorporación ao mercado destas persoas

No marco do programa, e co apoio do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG), prevense incentivos para a participación activa, o desprazamento, a conciliación e a inserción laboral destas traballadoras e traballadores

A Xunta persegue a incorporación efectiva dos 303 afectados polos despedimentos en actividades relacionadas coa transformación do metal ou co aluminio

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello deu o visto e prace á sinatura dun convenio entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e axentes sociais e económicos -Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), UGT, CCOO Galicia e a Federación de Industria da CIG- para a posta en marcha do proxecto FEAG-Empregal co obxectivo de “facilitar a reinserción laboral das 303 persoas afectadas polos despedidos de Alu Ibérica en 2022".

Rueda lembrou que a industria electrointensiva “foi un dos sectores máis afectados nos últimos anos pola suba dos costes enerxéticos”, o que sumado a outros factores, derivou en peches ou despedimentos de traballadores. No caso da fábrica coruñesa, o presidente resaltou que a idade media dos afectados “é de 43 anos”.

O proxecto contará cunha financiación de 1,5 millóns de euros, dos que 1.275.000 procederán do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG), grazas á iniciativa promovida ante a Unión Europea pola comunidade galega, e o resto será aportado pola Xunta de Galicia. O obxectivo, como resaltou Rueda, é que estes desempregados “atopen un traballo ou emprendan o seu propio negocio”.

A través de apoios á procura de emprego, orientación profesional, formación e reciclaxe profesional, ou promoción do autoemprego, o Goberno galego perseguirá a inserción laboral efectiva dos participantes no proxecto. A idea é crear recursos de fomento da inserción laboral orientados de xeito específico ás problemáticas das persoas despedidas, nunha aposta pola personalización e para asegurar a inserción do maior número de persoas posibles tanto dentro como fóra do sector do aluminio.

A posta en marcha desta medida foi consensuada polo Goberno galego e os axentes sociais que deseñaron un programa que se desenvolverá ata o 10 de maio de 2025 e avoga pola cualificación en competencias clave e outros coñecementos para atopar un novo emprego, entre os que se contan as capacidades informáticas, operacións e loxística de almacéns e novas técnicas de soldadura, entre outras. 

Para animar á involucración das 303 persoas despedidas, a Xunta de Galicia artellou un mecanismo de incentivos cos que apoiará a participación (máximo 400 euros por persoa) e outorgará becas de desprazamento (máximo 340 euros por curso formativo) e, de ser preciso, de conciliación (ata 1.200 euros).

O programa prevé, a maiores, unha achega de 200 euros ao mes, durante seis meses (máximo 1.200 euros), para as persoas participantes en FEAG-Empregal consigan unha reincorporación áxil ao mercado, ben por conta propia ou allea. A través deste incentivo trátase de motivar a estes traballadores para a procura activa dun novo posto de traballo.

Non é a primeira vez que o Goberno autonómico recorre ao FEAG para reactivar sectores clave da súa economía. En dúas ocasións, en 2012 e 2020, celebráronse cadanseus programas Empreganav para favorecer a recolocación de persoas procedentes do sector naval en momentos de crise con resultados exitosos e unha inserción aproximada do 70 % en ambas as dúas convocatorias. Tamén persoal procedente do sector téxtil foi obxecto en 2009 e 2017 dos proxectos FEAG Empregatex e Galitex, que favoreceron a recolocación do 45 % e do 51 % das persoas que tomaron parte.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/06/2023