A Xunta traballa para construír a Galicia industrial do 2030: máis competitiva, sustentable e innovadora

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, asistiu hoxe na Coruña á entrega do V Premio Galicia de Industria

A Coruña, 16 de xuño de 2023 A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, asistiu hoxe na Coruña á entrega do V Premio Galicia de Industria, no que destacou o traballo que se está a desenvolver desde a Xunta para construír a Galicia industrial do 2030, unha Galicia máis competitiva, máis sustentable e máis innovadora.

Neste sentido, asegurou que a convocatoria deste evento e o labor dos galardoados están contribuíndo a avanzar nese obxectivo, unha meta compartida na que é fundamental a colaboración público-privada e o diálogo social.

A secretaria xeral explicou que a Axenda industrial de Galicia recolle ferramentas de acompañamento e apoio ás empresas tanto no eido da axilización administrativa como do financiamento. Tamén se referiu á Oficina Galicia Empresa como xanela única da Administración galega con todos os servizos necesarios para o tecido produtivo.

No eido da captación de investimentos, incidiu na declaración de cinco proxectos industriais estratéxicos: a planta de hidróxeno H2Pole, a fábrica de pneumáticos de Sentury Tire; a planta de transformación de pasta de papel reciclado de Ence -as tres iniciativas nas Pontes-; a fábrica de metanol verde de Forestal del Atlántico, en Mugardos; e a planta de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/06/2023