Galicia reduciu un 34 % as emisións contaminantes en 2021 e foi a comunidade que máis incrementou a súa capacidade de absorción de CO2 respecto a 1990

Os últimos datos oficiais sobre gases de efecto invernadoiro sitúan a Galicia 34 puntos por debaixo do total nacional e na segunda posición da clasificación española

Este balance confirma que a Comunidade avanza en liña cos obxectivos marcados pola UE e parte dunha boa posición para poder acadar a neutralidade climática antes do ano 2050, compromiso que a futura Lei do clima galega elevará a obriga legal

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2023

Galicia logrou reducir un 34 % as súas emisións brutas de gases de efecto invernadoiro (GEI) en 2021 con respecto aos datos de 1990, ano que se toma como referencia a nivel internacional á hora de abordar e harmonizar as políticas climáticas.

As últimas cifras oficiais facilitadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico indican que Galicia segue mantendo as súas emisións por debaixo dos niveis de hai 3 décadas e mesmo mellora a súa posición a nivel nacional, situándose en 2021 como a segunda comunidade cunha mellor evolución —en 2020 era a terceira— e moi preto da primeira, Castela e León, cunha redución do 34,7 % neste mesmo período.

De feito e en comparación co resto do país, as emisións GEI en Galicia melloran en 34 puntos porcentuais o dato total no conxunto de España.

Así mesmo e tomando como referencia a absorción de CO2  debido aos cambios de uso do solo e á silvicultura, a comunidade lidera a clasificación nacional en 2021. Concretamente, foi o territorio que máis dióxido de carbono captou ese ano e tamén o que máis incrementou a súa capacidade de absorción en termos absolutos: un 85 % en comparación co ano 1990.

Ademais, este balance confirma que a Comunidade avanza en liña cos obxectivos intermedios marcados pola UE neste eido e que segundo a última revisión acordada se fixan como meta reducir nun 57 % as emisións contaminantes de aquí ao ano 2030.

Neste sentido, Galicia parte dunha boa posición para acadar o antes posible e, como moi tarde, no ano 2050 o reto da neutralidade climática —é dicir, compensar as emisións que se realicen no territorio coa capacidade de absorción natural de CO2—, un compromiso político da Xunta que a futura Lei do clima galega elevará a obriga legal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2023