A conselleira de Política Social e Xuventude estivo hoxe cos nenos que participan nun campamento na granxa escola O Kiriko de Fornelos de Montes

Fabiola García aposta polo Bono Concilia Familia para axudar a compaxinar o traballo e o coidado dos fillos

As familias poden solicitar esta axuda de ata 500 euros desde hoxe ata o vindeiro día 15 de setembro

Destínanse 1,5 millóns de euros a esta medida, pensada para que pais con fillos de ata 12 anos de idade poidan facer fronte aos gastos dun coidador no fogar ou tamén dun servizo de conciliación

Fornelos de Montes (Pontevedra), 5 de xullo de 2023 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou esta mañá a importancia que ten o Bono Concilia Familia para facer máis doado compaxinar o traballo e o coidado dos fillos durante as vacacións escolares. Díxoo durante unha visita a granxa escola O Kiriko en Fornelos de Montes.

Fabiola García lembrou que desde hoxe e ata o vindeiro 15 de setembro está aberto o prazo para solicitar as axudas do Bono Concilia Familia, antes denominado Bono Coidado. Trátase dun apoio económico de ata 500 euros para facer fronte aos gastos dun coidador no fogar ou tamén dun servizo de conciliación, como pode ser un campamento de verán ou unha ludoteca.

O Goberno galego destina 1,5 millóns de euros a esta medida que xa o ano pasado multiplicou por cinco as axudas concedidas, superando as 5.000. O Bono Concilia Familia está pensado para pais con fillos de ata 12 anos de idade e as solicitudes pódense realizar a través da sede electrónica da Xunta.

Programación estival

Durante a visita á granxa escola, a conselleira lembrou que Galicia volve bater todos os récords nesta campaña de verán ao ofertar 11.200 prazas —400 máis que o ano pasado— en campamentos, campos de voluntariado, nos minicampamentos ‘Coñece Galicia’ ou en intercambios con comunidades, entre outras actividades.

Ao respecto, Fabiola García subliñou que a programación estival da Xunta está pensada para todas as idades e para todos os gustos, e deseñada para que os máis pequenos desfruten, para que os pais conten con recursos de conciliación ao seu alcance e para dinamizar e crear emprego nun sector como o do tempo libre.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/07/2023