A Xunta activa as axudas para outorgar achegas de ata 30.000 euros ao emprendemento no traballo autónomo, nas pemes e na economía social

Hoxe arranca o prazo de solicitude das novas axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que contan cun orzamento de 7 millóns de euros

A Administración autonómica axudará a financiar investimentos realizados, no marco das novas iniciativas empresariais, en equipamento informático, eficiencia enerxética, reformas de locais ou mobiliario, entre outros

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2023
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar unha nova convocatoria da liña de apoios ao emprendemento, iniciada o ano pasado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para axudar ás persoas e empresas que comezaron a súa actividade hai menos de tres anos, con achegas de ata 30.000 euros para axudalas cos investimentos iniciais realizados. O prazo de solicitude destas axudas ábrese hoxe e permanecerá vixente ata o próximo 29 de setembro.

A iniciativa conta cun orzamento de 7 millóns de euros e quere beneficiar pemes, persoas traballadoras autónomas, sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego, que teñan iniciado a súa actividade desde o 1 de xaneiro de 2021 (ou máis tarde) e permanezan en activo.

A Xunta de Galicia outorgará axudas para financiar investimentos realizados polas entidades entre o 5 de novembro de 2022 ata a data da solicitude. Cubriranse, deste xeito, as adquisicións (debidamente xustificadas mediante factura) de equipamento informático, equipos de segunda man ou mobiliario e tamén as melloras da eficiencia enerxética ou de reforma e/ou habilitación de locais, entre outros gastos.

Os pagamentos variarán en función da intensidade do investimento realizado. Irán así, como na anterior convocatoria, desde os 3.000 euros para o mínimo investimento a financiar (de 5.000 euros) ata os 30.000 euros para a máxima (100.000 euros).

Entre outros requisitos, as bases establecen que os potenciais beneficiarios teñan domicilio fiscal en Galicia, teñan formalizada a súa actividade no correspondente rexistro ou estean ao corrente na presentación de contas anuais e das súas obrigas tributarias.

Con esta política, a Xunta dá cumprimento ao seu compromiso de seguir a impulsar iniciativas de emprendemento, para que incrementen a súa actividade e contribúan ao  mantemento de empregos de calidade.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230705/AnuncioG0656-280623-0004_gl.html

Data de actualización: 06/07/2023