Inícianse en Silleda as oposicións para 54 prazas de auxiliar de clínica da Xunta de Galicia

A porcentaxe de participación é dun 55 %

Pola tarde celebraranse as probas para 65 prazas de auxiliar coidador

Silleda, 8 de xullo de 2023

A Xunta de Galicia iniciou hoxe en Silleda as oposicións para 54 prazas de auxiliar de clínica (C2) da Administración autonómica.

 

A porcentaxe de participación nos exames que se celebran esta mañá no recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda, é do 55 %. A estas probas estaban convocados un total de 1.842 aspirantes dos que finalmente se presentaron 1.016.

 

A continuación, pola tarde ás 16,00h realizaranse os exames para 65 prazas de auxiliar coidador (C2), no que están chamadas a participar preto de 3.400 persoas.

 

Operativo de seguridade

Un operativo formado por preto de 280 persoas controla que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade. O recinto dispón tamén dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.

Data de actualización: 08/07/2023