A Xunta apoia o labor de seis entidades a favor da igualdade e a non discriminación das persoas LGTBI

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, asinou convenios con seis asociacións para impulsar medidas a prol da diversidade e contra a LGTBIfobia

Galicia é referente na consolidación do principio de igualdade para as persoas LGTBI por contar cunha lei contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero e cun Observatorio sobre a materia que dá voz ás organizacións
 

Santiago de Compostela, 15 de xullo do 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade asinou un ano máis os convenios con seis entidades que representan as persoas LGTBI en Galicia para fomentar a igualdade e loitar contra a LGTBIfobia.

A Xunta de Galicia destina a estas colaboracións un investimento global de 34.000 euros para levar a cabo actividades e programas dirixidos á promoción, aplicación e desenvolvemento de actuacións e medidas destinadas a avanzar no fomento e na promoción da igualdade de oportunidades, da visibilidade, da sensibilización e da non discriminación do colectivo LGTBI.

Entre outras iniciativas, neste marco de cooperación, as entidades poderán poñer en marcha campañas de información social que promovan comportamentos e actitudes de respecto e igualdade ou programas orientados á normalización da sexualidade e da diversidade, favorecendo a inclusión social das persoas pertencentes ao colectivo LGTBI. Tamén se apoiará a elaboración de material didáctico que contemple a realidade do colectivo e das súas familias, o dereito á diferencia, a diversidade, a igualdade de oportunidades e contra a LGTBIfobia; ou actuacións para previr e intervir ante condutas de discriminación ou de posible acoso, violencia de xénero e/ou maltrato infantil, que puideran producirse por razón de orientación sexual ou identidade de xénero, esepecialmente desde o eido familiar e social.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, asinou estes convenios coas seguintes seis asociacións sen ánimo de lucro: Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (ALAS Coruña), Asociación de familias de menores trans de Galicia (Arelas), Avante LGTB+, Comité Cidadán Antisida da Coruña (Casco), Asociación de mujeres para la igualdad y la visibilidad lésbica Les Coruña e Asociación Nós mesmas.

A Xunta de Galicia mantén un firme compromiso na loita contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero que aborda de xeito transversal. Neste sentido, Galicia é referente por contar cunha lei propia que consolida o principio de igualdade para as persoas LGTBI e cun Observatorio contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero que dá voz ás principais entidades do colectivo.

Data de actualización: 15/07/2023