O DOG publica o calendario laboral para 2024 no que se fixan como festivos propios o 17 de maio e o 25 de xullo

A normativa estatal fixa 14 festivos: 12 marcados polo Estado e dous elixidos polos concellos


Dos 12 festivos de ámbito nacional, 9 son obrigatorios e só poden ser substituídos cando coincidan en domingo, polo luns seguinte, ou por outro día que lle sexa de interese á Comunidade Autónoma
 

En 2024 prodúcese esta circunstancia o 8 de decembro, Inmaculada Concepción, que cae domingo, polo que Galicia propón cambialo polo día das Letras Galegas, o 17 de maio
 

Dos tres días festivos de carácter opcional, é dicir que se poden substituír (Día de Reis, Xoves Santo e San Xosé ou Día Nacional de Galicia), a comunidade galega sempre opta polo 25 de xullo
 

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2023
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o calendario laboral de Galicia para 2024, no que se fixan como festivos propios os días das Letras Galegas (17 de maio) e o Día Nacional de Galicia (25 de xullo).

O DOG publica o calendario unha vez que o Consello da Xunta aprobou a iniciativa e o Consello Galego de Relacións Laborais emitiu o correspondente ditame.

A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (29 de marzo en 2024), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2024 hai un festivo nacional de carácter obrigatorio que coincide en domingo: o 8 de decembro (Inmaculada Concepción), que Galicia propón substituír polo 17 de maio, día das Letras Galegas.

Os outros tres festivos de carácter nacional, son opcionais, é dicir, poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que en Galicia nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (que en 2024 se celebrará o 28 de marzo), que na comunidade galega non se modifica de xeito tradicional; e dáselle a opción ás comunidades de escoller como opcional entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. Na comunidade galega, sempre se elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo.

Polo tanto, as festas do calendario laboral para Galicia no 2024 que se determinan son: Aninovo, 1 de xaneiro; Epifanía do Señor (Día de Reis), 6 de xaneiro; Xoves Santo, 28 de marzo; Venres Santo, 29 de marzo; Festa do traballo, 1 de maio; Día das Letras Galegas, 17 de maio; Día Nacional de Galicia, 25 de xullo; Asunción da Virxe, 15 de agosto; Festa Nacional de España, 12 de outubro; Todos os Santos, 1 de novembro; Día da Constitución Española, 6 de decembro; e Natividade do Señor, 25 de decembro. Ademais destes días, cada concello determina dous xornadas festivas como propias da súa localidade.

Data de actualización: 17/07/2023