A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañados do delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presentaron aos profesionais sanitarios do CHUAC os accesos do novo hospital público

A Xunta destaca a licitación este mes das 3 primeiras obras do novo hospital público da Coruña por máis de 60 M€ e a previsión de xerar máis de 900 empregos

O Goberno galego licita hoxe o contrato de redacción do proxecto construtivo e execución das obras dos accesos do ‘Novo CHUAC’, con 24,8 M€ de investimento e un prazo ata o 8 de setembro para a presentación de ofertas
 

As obras inclúen a mellora da conexión coa AC-12, a construción dun anel perimetral e a conexión coa rede viaria municipal, a execución dun acceso provisional coa AC-10 para facilitar as obras e un aparcamento temporal con 195 prazas
 

O obxectivo é que o Hospital Público da Coruña teña uns accesos máis funcionais, sinxelos e integrados, que faciliten a entrada aos distintos servizos e ao aparcadoiro e o funcionamento do complexo durante as obras
 

A Coruña, 17 de xullo de 2023 A Xunta destaca a licitación neste mes de xullo das 3 primeiras obras do novo Hospital Público da Coruña, o Novo CHUAC, por importe de máis de 60 M€ e a previsión de xerar máis de 900 postos de traballo.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañados do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e do xerente da Área Sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, mantiveron esta mañá un encontro co persoal do CHUAC para explicar o deseño dos accesos con motivo da súa licitación.

Segundo informou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a Plataforma de Contratos da Xunta recolle hoxe a licitación do contrato de redacción do proxecto construtivo e execución das obras dos accesos ao Novo Hospital Público da Coruña, nos que o Goberno galego investirá 24,8 M€. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 8 de setembro para presentar as súas ofertas.

Ethel Vázquez lembrou que desde que comezou o traballo de planificación e deseño do Novo CHUAC, a Xunta tivo claro que, ademais de construír un gran hospital, debía de dotalo dos accesos axeitados para garantir a súa funcionalidade e evitar erros do pasado.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, subliñou que o Novo CHUAC "vai cambiar profundamente o modelo de asistencia sanitaria na Coruña", incidindo en que o complexo hospitalario coruñés contará con prestacións como a radioterapia, a medicina nuclear ou a área materno-infantil, que agora están noutros centros.

"Isto supón un desafío de integración asistencial pero tamén un desafío de integración estrutural e de integración urbana, pois esta zona vai recibir un fluxo diario aínda maior de pacientes e de profesionais", apuntou García Comesaña.

Os obxectivos dos accesos son mellorar o modelo actual e adaptalo ao proxecto do novo Hospital e á mobilidade da contorna, a través dun esquema sinxelo e entendible por todos os usuarios.

 

Ethel Vázquez explicou que para iso, en primeiro lugar, prevese mellorar a conexión do CHUAC coa rede viaria de alta capacidade a través da AC-12 ou avenida da Pasaxe. Indicou que a Xunta analizou ata 21 alternativas posibles de enlace e acabou asumindo a titularidade desa vía estatal, o que representa “un esforzo de xestión enorme para a Xunta”, afirmou.

A conexión coa AC-12 realizarase mediante un enlace tipo trompeta e unha glorieta de 41 metros de diámetro, procurando en todo momento a máxima integración na contorna e o mínimo impacto.

Esta actuación permitirá, ademais, optimizar os accesos ao Hospital San Rafael desde a AC-12 ou avenida da Pasaxe.

En segundo lugar, a conselleira detallou que se prevé con esta obra, a execución parcial da vía perimetral que dará acceso directo aos distintos servizos do hospital e conectará coa rede viaria urbana en diferentes puntos. Para entender a complexidade da actuación, apuntou que a configuración desta parte do anel perimetral do Novo CHUAC suporá a execución de 4 km de vías e 21 eixes diferentes.

E, en terceiro lugar, Ethel Vázquez sinalou que se prevé tamén a construción dun acceso provisional de saída cara á AC-10 durante a execución das obras para facilitar o seu desenvolvemento, así como a habilitación dun aparcadoiro tamén temporal ao oeste da rúa Curramontes con máis de 5.000 metros cadrados de superficie e 195 prazas de estacionamento.

 

Remarcou que a pretensión da Xunta é que o Novo CHUAC teña uns accesos “máis funcionais e sinxelos, integrados na rede urbana, que faciliten a chegada ao aparcadoiro e aos diferentes servizos do hospital e que aseguren, ademais, o funcionamento do complexo durante as obras”.

 

A conselleira destacou que esta configuración dos accesos permitiu reducir a 14 as parcelas privadas afectadas, sen tocar vivendas e preservando integramente a finca do Pazo de Guyllat.

Ethel Vázquez indicou que para a construción dos accesos é preciso dispoñer do espazo que actualmente ocupa o Hotel de Doentes, que será reubicado na Torre Polivalente -xa licitada o 10 de xullo por 35, 1 M€- e debe ser demolido. Por ese motivo, a Xunta licitará nos vindeiros días o contrato de demolición do Hotel de Doentes, cun investimento de 1,4 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2023