A Xunta pon en valor as empresas de economía social que impulsan a autonomía das persoas con discapacidade

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou hoxe Hornos de Lamastelle, unha “iniciativa de economía social de éxito que leva traballando moitos anos con persoas con discapacidade”

Cualificada como Centro Especial de Emprego de Iniciativa Social, Hornos de Lamastelle forma parte da Asociación empresarial galega de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro (Cegasal) e superou en 2022 os 6 millóns de euros de facturación

Oleiros (A Coruña), 19 de xullo de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, puxo hoxe en valor as empresas de economía social que impulsan a autonomía das persoas con discapacidade. Fíxoo na súa visita á empresa Hornos de Lamastelle, onde a maioría das súas case 100 persoas traballadoras habituais teñen algún tipo de discapacidade. Integrada na Asociación empresarial galega de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro (Cegasal), contou en 2022 cunha facturación de máis de 6 millóns de euros.

Alí, a conselleira referiuse ao proxecto como unha “iniciativa de economía social de éxito que leva traballando moitos anos con persoas con discapacidade”, mesmo superando o cento do persoas empregadas na temporada estival. Fundada en 1993, Hornos de Lamastelle está cualificada como Centro Especial de Emprego de Iniciativa Social e forma parte do grupo de iniciativas empresariais da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami).  

Especializados na elaboración de empanada galega, tarta de Santiago con indicación xeográfica protexida (IXP) e biscoitos, a Xunta declarou as novas instalacións que proxecta construír en Carballo como Iniciativa Empresarial Prioritaria (IEP), xa que lle permitirán a Hornos de Lamastelle aumentar a súa capacidade e diversidade produtiva e incrementar cota de mercado no marco do sector agroalimentario, considerado estratéxico para a economía galega.

Cómpre salientar que as empresas de economía social representan o 7% do PIB galego, destacando por propugnar valores que gardan relación co benestar social, o vencello coas contornas e o emprego igualitario. Nese contexto, a Xunta está a impulsar a II Estratexia galega da Economía Social 2023-2026, coa que se estima crear 3.500 novos postos de traballo baixo o paraugas desta modalidade de negocio e constituír 400 novas entidades. O documento, que se desenvolverá de xeito transversal en colaboración cos distintos departamentos autonómicos, aspira a mellorar as competencias das persoas e as capacidades das entidades dentro da economía social, para enfrontar os retos do novo contexto socioeconómico e para consolidar o seu crecemento continuo en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2023