A Xunta declara a planta de hidróxeno renovable de Naturgy, Repsol e Reganosa en Cerceda como proxecto industrial estratéxico

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes asegura que o obxectivo é “seguir posicionando Galicia como referente internacional na produción de hidróxeno verde”

Salienta que esta fábrica vai actuar de “revulsivo” para dinamizar unha zona afectada pola “abrupta transición enerxética” levada a cabo polo Goberno central

A iniciativa H2 Meirama situarase na localización da antiga central térmica e supón un investimento de 64 millóns de euros

Contará cunha potencia inicial de 30MW, o que permitirá obter unha produción de 4.500 toneladas ao ano

Esta declaración enmárcase dentro da Lei de simplificación administrativa, facilitando a redución á metade dos prazos e mantendo ao mesmo tempo as garantías técnicas, xurídicas e medioambientais

Trátase do sexto proxecto industrial estratéxico, e súmase así á planta de hidróxeno verde de Reganosa e EDP Renovables, a fábrica de pneumáticos de Sentury e a planta de biofibra reciclada de Ence -as tres nas Pontes de García Rodríguez-, a planta de metanol verde de Forestal del Atlántico en Mugardos e a de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei
 

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2023 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, anunciou hoxe que o Consello aprobou na súa reunión semanal a declaración como proxecto industrial estratéxico da planta de hidróxeno renovable H2 Meirama, impulsada polo grupo Naturgy en Cerceda (A Coruña) e que conta tamén coa participación de Repsol e Reganosa. O obxectivo, asegurou, “é seguir posicionando Galicia como referente internacional na produción de hidróxeno verde” no marco da “nova revolución industrial” que está protagonizada polas “enerxías renovables”.

Ademais, Calvo resaltou que este proxecto vai actuar “como revulsivo para dinamizar unha zona” como Meirama que resultou afectada “pola abrupta transición enerxética levada a cabo polo Goberno central” e que tivo como consecuencia o peche da central térmica presente nesta localidade coruñesa.

A iniciativa impulsada por Naturgy, Repsol e Reganosa suporá un investimento superior aos 64 millóns de euros, e contará, nunha primeira fase, cunha potencia inicial de 30MW, o que permitirá obter unha produción de 4.500 toneladas ao ano de hidróxeno renovable.

A planta ampliarase en dúas fases posteriores ata alcanzar 50MW e 200MW respectivamente, acadando unha produción dunhas 30.000 toneladas de hidróxeno renovable ao ano. O proxecto supón un valor engadido nunha zona afectada polo peche da central térmica de Meirama, permitindo reutilizar instalacións existentes e situando Galicia no novo mercado do hidróxeno renovable. Impúlsase así o desenvolvemento da cadea de valor deste vector enerxético en que a comunidade busca posicionarse como referente internacional a través da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Renovable. Así mesmo, o proxecto ten un importante grao de innovación, xa que permitirá a demostración da operación a grande escala dun electrolizador de potencia industrial.

A declaración como proxecto industrial estratéxico enmárcase na filosofía da Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que busca a captación de investimentos. “Permitirá reducir á metade os prazos para poñer en marcha o proxecto sen perder garantías xurídicas e medioambientais”, subliñou Calvo.

A planta cumpre cos requisitos para ser declarada como proxecto industrial estratéxico, entre os que se inclúen superar o investimento mínimo de vinte millóns de euros e complementar cadeas de valor que pertenzan a sectores considerados estratéxicos e que estean aliñados cos obxectivos da Unión Europea ou que se integren no financiamento dos fondos Next Generation. Neste sentido, o proxecto foi seleccionado como beneficiario dunha axuda de 15 millóns de euros dentro do programa europeo de incentivos á cadea de valor innovadora e de coñecemento do hidróxeno renovable.

A iniciativa H2 Meirama súmase ás declaracións como proxecto industrial estratéxico de H2Pole, o centro de produción de hidróxeno verde promovido por Reganosa e EDP Renovables nas Pontes de García Rodríguez; á de Sentury Tire para implantar unha fábrica de pneumáticos tamén neste concello da provincia coruñesa; á planta de metanol verde en Mugardos de Forestal del Atlántico; así como a de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei e a planta de biofibra reciclada de Ence nas Pontes de García Rodríguez. As seis iniciativas suporán unha mobilización global de 1.852 millóns de euros, segundo as previsións dos promotores dos proxectos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/07/2023