A Xunta destina 3,1 M€ para axudar ás entidades locais na mellora da recollida de residuos municipais
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras desta convocatoria, que se resolverá por concorrencia competitiva
As axudas teñen como obxectivo impulsar a economía circular no eido local e avanzar cara ao cumprimento dos obxectivos comunitarios na materia
A Xunta de Galicia destinará 3,1 millóns de euros á concesión de axudas a entidades locais para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal para os anos 2023 e 2024, co fin de impulsar a economía circular no eido local e avanzar cara ao cumprimento dos obxectivos comunitarios na materia.
Segundo a orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, a estas axudas, que serán cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, poderán optar as entidades locais municipais, supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lle correspondan en materia de xestión de residuos, que terán de prazo ata o vindeiro 4 de setembro para presentar as solicitudes.
O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta orde de axudas non excederá o 90% do custo total do proxecto. A porcentaxe restante será asumida pola entidade beneficiaria. Estas axudas serán compatibles co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vai a financiar.
Máis polo miúdo, esta convocatoria de axudas, que se concederán por concorrencia competitiva, conta con cinco liñas de financiamento destinadas á realización de melloras nos puntos limpos existentes; á instalación de puntos limpos de proximidade; á adquisición de puntos limpos móbiles; á construción e mellora de instalacións de preparación para a reutilización ou autorreparación de residuos domésticos recollidos separadamente, e á implementación de melloras nas instalacións de tratamento existentes para incrementar a súa eficacia na recuperación de materiais contidos nos residuos municipais que se recollan de forma mesturada.
Deste xeito, na liña 1, destinada a mellorar os puntos limpos existentes, o importe máximo da subvención será de 150.000 euros, pero pode chegar ata os 200.000 euros no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local. Nese caso incrementaríase en 10.000 euros por cada entidade participante.
No caso da liña 2, que ten como obxectivo a implantación de puntos limpos de proximidade de cara a favorecer a recollida separada de distintos fluxos de residuos, o importe máximo non poderá superar os 10.000 euros no caso de que a solicitude a faga unha única entidade e os 30.000 euros no caso de que sexa conxunta.
As entidades locais poderán obter ata 70.000 euros para a adquisición de puntos limpos móbiles, cantidade que pode chegar aos 100.000 euros en caso de solicitudes conxuntas. O obxectivo desta liña 3 é mellorar e ampliar os servizos prestados pola Rede galega de puntos limpos existentes para a reutilización ou reciclaxe na nosa comunidade autónoma.
As contías da liña 4, que financiará proxectos de construción e mellora de instalacións de preparación para a reutilización e/ou autorreparación de residuos domésticos recollidos separadamente (RAEE, téxtiles, etc.), oscilarán entre un máximo de 200.000 ou 250.000 euros en función do número de solicitantes. A finalidade é alongar a vida útil dos materiais e obxectos, previndo, deste xeito, a xeración de residuos e a súa correspondente eliminación.
Finalmente, no caso da liña 5 que concederá axudas para actuacións destinadas á implementación de melloras nas instalacións de tratamento existentes para incrementar a súa eficacia na recuperación de materiais contidos nos residuos municipais que se recollan de forma mesturada, a contía máxima da axuda por beneficiario establécese en función do número de habitantes atendidos pola instalación a razón de 3,5 euros por habitante.