A Xunta renova 58 ecógrafos nos servizos de xinecoloxía e obstetricia dos hospitais galegos cun investimento de máis de 4 millóns de euros

A área sanitaria de Lugo recibiu esta lexislatura máis dun millón de euros de investimentos para renovar os seus equipos de ecografía

O Sergas está a instalar xa a totalidade do equipamento derivado da licitación realizada a comezos de ano para prover de nova tecnoloxía aos servizos de xinecoloxía e obstetricia

As contratacións achegan novo equipamento tecnolóxico á totalidade dos hospitais da rede pública galega, incluíndo aos sete hospitais comarcais

Nos últimos dous anos, o goberno galego investiu 9,4 millóns de euros en renovar 152 equipos de ecografía en diferentes áreas da rede hospitalaria pública de Galicia
 

Lugo, 8 de agosto de 2023 A Xunta de Galicia está nestes momentos a instalar un total de 58 novos equipos de ecografía nos servizos de xinecoloxía e obstetricia das sete áreas sanitarias galegas.

O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo xerente da área sanitaria de Lugo, Monforte e A Mariña, Ramón Ares, visitou este mediodía o Hospital Universitario Lucus Augusti, onde se renovan sete ecógrafos.

O Servizo Galego de Saúde formalizou en xuño por un importe total de 4,1 millóns de euros os contratos coas empresas adxudicatarias da licitación deste material autorizada polo Consello da Xunta en decembro do pasado ano.

As contratacións realizadas teñen achegado novo equipamento de ecografía á totalidade dos hospitais da rede pública galega, incluíndo os sete hospitais comarcais, que teñen recibido todos eles cando menos un novo ecógrafo.

Renovación de tecnoloxía diagnóstica

Estes contratos forman parte do proceso de renovación do equipamento sanitario emprendido nesta lexislatura e ao que a Xunta de Galicia está destinando boa parte dos fondos europeos que recibe. Así, o equipamento obxecto destes expedientes de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

En particular, no caso da tecnoloxía de ecografía para imaxe diagnóstica, este investimento únese á renovación de máis de 60 ecógrafos levado a cabo pola Xunta de Galicia en 2022 mediante un investimento de 5,3 millóns de euros e que permitiu incorporar 48 novos ecógrafos nos servizos de radiodiagnóstico dos hospitais públicos galegos e destinar outros 16 ecógrafos, na súa meirande parte, aos servizos de urxencias.

Este novo contrato eleva por tanto a 9,4 millóns de euros o importe investido nos procesos de renovación desta tecnoloxía e a 152 o total de novos equipos de ecografía incorporados á rede hospitalaria pública galega.

Actividade

Xinecoloxía e obstetricia son as dúas disciplinas dunha única especialidade médica. Obstetricia fai referencia á atención á muller durante o período de embarazo, parto e puerperio. No caso da muller embarazada, os exames de ultrasóns son realizados para detectar os casos de maior risco de problemas maternos ou fetais. Ademais, teñen como obxectivo máis específico obter unha apreciación das características e conformación xeral do bebé. Os médicos recomendan a realización de entre tres e catro ecografías ou ultrasóns para ver a evolución do bebé nas diferentes etapas da súa xestación nun embarazo normal.

Por outro lado, a xinecoloxía é unha das especialidades médicas máis demandadas. Desde o inicio das relacións sexuais, o ben a partir dos 18 anos, é recomendable realizar revisións xinecolóxicas nas que a ecografía é unha proba complementaria básica polo seu carácter non invasivo, indoloro e inocuo.

Nos hospitais do Sergas traballan máis de 260 facultativos en obstetricia e xinecoloxía, cunha poboación de referencia de máis de 1.150.000 mulleres maiores de 14 años. Neles realízanse, anualmente, máis de 104.000 consultas primeiras; máis de 290.000 consultas sucesivas; máis de 16.000 cirurxías; e máis de 13.000 partos (entre partos vaxinais y cesáreas). Na práctica totalidade das atencións a ecografía é fundamental.

Investimento de 600.000 euros nos hospitais de Lugo, Monforte e A Mariña

En concreto, o HULA contará con sete novos ecógrafos, o hospital comarcal de Monforte verá renovados dous equipos e un, no caso do hospital comarcal da Mariña. En total, o investimento nesta área sanitaria ascende a 600.000 euros.

Despois de que o ano pasado se adquirisen cinco novos ecógrafos para os servizos de Urxencias e Radioloxía no HULA, valorados en 475.000 euros, máis outro para as Urxencias do hospital público de Monforte -29.600 euros- e un máis incorporado ao mesmo servizo do hospital da Mariña -24.000 euros, a Xunta suma esta lexislatura un investimento superior ao millón de euros na renovación e mellora do diagnóstico por imaxe na área sanitaria lucense.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/08/2023