A Xunta leva asesorado medio milleiro de proxectos na súa Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que acadará os 15 centros este ano
Arredor de medio millar de persoas emprendedoras -o 60% delas mulleres- teñen recibido preto de 1.500 titorías na Rede galega de polos, que conta na actualidade con oito centros activos nas catro provincias
Destacan as iniciativas relacionadas co comercio, coa hostalaría ou coa agricultura, gandaría e pesca
Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2023 A Xunta leva asesorado case medio milleiro de proxectos na súa Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que actualmente conta con oito centros activos en Galicia que se converterán en quince ao final deste ano. En total, arredor de 500 persoas emprendedoras -o 60% delas mulleres- teñen recibido preto de 1.500 titorías para sacar adiante as súas iniciativas, entre as que destacan as relacionadas co comercio, coa hostalaría ou coa agricultura, a gandaría e a pesca.
Por provincias, A Coruña supera os 200 proxectos atendidos, entre os que salientan os referidos ao comercio e á agricultura, seguidos dos educativos ou relacionados con actividades sanitarias e de servizos sociais. En Lugo, superan o cento de iniciativas, de sectores como a hostalaría, o comercio ou as actividades artísticas e de entretemento.
Mentres, en Pontevedra aproxímanse ao cento de proxectos, relativos ao comercio ou á agricultura e gandaría. Por último, en Ourense achéganse tamén ás cen iniciativas, principalmente destinadas á hostalaría, ao comercio ou ás actividades artísticas e recreativas.
A Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego está dinamizando o territorio a través da creación de emprego de calidade e do asentamento da poboación. Así, presta asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras de Galicia en calquera fase que se atope o seu proxecto empresarial, de principio a fin. Nese senso, dos case 500 proxectos asesorados, máis de 400 atópanse activos nestes momentos.
Actualmente, están operativos oito polos: Costa da Morte, Rías Altas e Arco Ártabro, A Mariña, Montaña Lucense, Lugo Sur, Pontevedra Norte e Rías Baixas, Miño Central e Ourense Centro e Sur. O obxectivo é convertelos en verdadeiros centros de dinamización dos territorios nos que se asentan, erixíndoos en auténticos foros de interlocución que permitan recoller as demandas da súa poboación e dar resposta desde a Administración coa colaboración do sector privado. Nesa liña, a final de ano a Rede estará conformada por quince polos, que cubrirán o cen por cento do territorio galego.