O director do Instituto de Estudos do Territorio inaugurou esta mañá a primeira xornada da reunión técnica que acolle Galicia no marco desta iniciativa interrexional

Socios europeos do proxecto GIFT poñen o Monte Xalo como exemplo de integración paisaxística e combinación de valores naturais e culturais

A Xunta foi elixida pola Comisión Europea para liderar e coordinar esta iniciativa, impulsada no marco do programa Interreg e cunha duración prevista de catro anos

Ademais da visita ao Monte Xalo, o encontro incluíu varias mesas de traballo no marco das cales se analizou a situación de Galicia en materia de infraestrutura verde
 

Culleredo (A Coruña), 29 de agosto de 2023

Galicia acolleu hoxe a primeira xornada da reunión conxunta do equipo de traballo interrexional do proxecto GIFT (Green Infrastructure for Forest and Trees), que se constituíu oficialmente o pasado mes de xuño e cuxa misión é establecer ao longo dos vindeiros catro anos medidas e políticas sectoriais efectivas no eido da xestión da infraestrutura verde e da paisaxe.

A xornada contou coa participación de expertos internacionais. Concretamente, da Universidade de Zagreb, en Croacia, e da Universidade de Letonia, en calidade de socio asesor. Ademais, participaron especialistas da Xunta e doutras institucións galegas moi implicadas no coidado e na protección da paisaxe, como a Fundación Juana de Vega e a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O encontro comezou cunha reunión técnica inaugurada na Reitoral de Celas polo director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, durante a que, da man dos socios implicados no proxecto, se analizaron os instrumentos políticos directamente relacionados coa infraestrutura verde, entendida como unha rede de espazos e elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións da contorna.

Logo desta primeira asemblea e das dúas mesas de traballo da mañá nas que os expertos afondaron, resolveron dúbidas e intercambiaron puntos de vista sobre a materia tratada, os convidados visitaron o Monte Xalo, en Culleredo, por tratarse este dun exemplo claro de combinación de valores naturais, culturais e panorámicos.

Nesta liña, os participantes eloxiaron a integración paisaxística e o bo estado de conservación desta zona, localizada en pleno corazón da reserva de biosfera coruñesa, declarada tamén Área de especial interese paisaxístico e proposta ademais como zona multifuncional na futura Infraestrutura Verde de Galicia xa que supón un excelente exemplo de interconexión entre zona rural e urbana.

O encontro remata mañá en Santiago cunha xornada que contará tamén cunha reunión técnica para revisar os aspectos tratados na primeira sesión e unha mesa de traballo para que os expertos debatan sobre as medidas a adoitar para continuar xestionando axeitadamente a infraestrutura verde e a paisaxe nos seus territorios. Por último, haberá un bloque de conclusións e fixaranse os prazos para o envío dos informes das revisións entre pares que deberán elaborar os socios do proxecto.

Case 2 M€ de orzamento

Para liderar o proxecto GIFT a Comisión Europea seleccionou á Xunta de Galicia, que delegou no IET a misión de aprender uns socios doutros para, grazas ao coñecemento adquirido entre todos, mellorar unha política propia que incorpore a infraestrutura verde a outras políticas territoriais de cada rexión.

Impulsado no marco do programa Interreg Europe-FEDER e cun orzamento de 1,97 millóns de euros —o 80% procedente do Feder e o 20% restante achegado polos socios—a iniciativa porá especial énfase e atención nos bosques, nas árbores e nas paisaxes que albergan, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga, a erosión e o benestar animal, entre outros.

Ademais da Xunta, no proxecto participan outras nove entidades de países e rexións da Unión Europea, concretamente: o goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân (Países Baixos) e Rimini (Italia), o Instituto Forestal Esloveno, o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (ambos de Eslovenia), a Axencia Rexional de Leipzig (Alemaña) e os dous anteriormente mencionados: a Universidade de Letonia e a cidade de Zagreb.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/08/2023