Lorenzana aborda co clúster TIC novas vías de colaboración para impulsar a transformación dixital da industria galega

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro con representantes desta entidade, coa que a Xunta coopera tamén en eidos como a internacionalización ou a formación

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro co presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, e membros da directiva desta entidade na que abordaron novas vías de colaboración para seguir contribuíndo ao reforzo dun sector que é clave para impulsar a transformación dixital da industria galega.

O Clúster TIC Galicia está conformado por 133 socios, entre os que se inclúen empresas das tecnoloxías da información e a comunicación, centro tecnolóxicos e colexios e asociacións profesionais. A Xunta mantén unha constante coordinación con esta entidade, en proxectos como o da Cidade das TIC, que se está a impulsar na Coruña, a posta en marcha de diferentes programas de dixitalización para o tecido empresarial, a internacionalización ou a formación.

Encontro co Clúster da Saúde

A responsable de Economía, Industria e Innovación do Goberno galego, María Jesús Lorenzana, reuniuse tamén con representantes do Clúster Saúde de Galicia, encabezados pola súa presidenta, Rocío Mosquera. Na xuntanza destacáronse os obxectivos compartidos con esta entidade, que conta con máis de 100 membros, como a innovación, a internacionalización e a capacitación do sector, que o o vindeiro mes de novembro se congregará en Vigo no VIII Fórum RIES 23. O Clúster Saúde de Galicia organiza este encontro co obxectivo de abordar os retos internacionais dos ecosistemas de saúde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/09/2023