A Xunta porá en marcha unha ferramenta informática de acceso e intercambio de datos entre as oficinas de atención ás vítimas e outros órganos implicados nos procesos xudiciais

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, presidiron esta mañá a reunión da Comisión Mixta de Coordinación entre a Xunta e o Ministerio Fiscal

O Goberno galego aprobou o pasado marzo o protocolo de asistencia integral á vítima do delito con especial atención ás vítimas de violencia de xénero ou menores de idade

A Coruña, 12 de setembro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, presidiron esta mañá a Comisión Mixta de Coordinación entre o Ministerio Fiscal e a Xunta na que se abordaron, entre outros asuntos, o funcionamento das sete Oficinas de Atención ás Vítimas (OAV) das sete cidades galegas, as obras previstas en fiscalías e sedes xudiciais da comunidade, e outras cuestións relacionadas con medios materiais e tecnolóxicos.

 

Na reunión de hoxe tamén participaron o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o director  da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, mentres que, por parte da Fiscalía, asistiron a fiscal xefe da Unidade de Apoio da Fiscalía Xeral do Estado, Esmeralda Rasillo; o fiscal da Unidade de Apoio, Raúl Martínez; e os fiscais xefes provinciais das catro provincias galegas.

 

O vicepresidente primeiro da Xunta anunciou que, co obxectivo de facilitar o traballo das Oficinas de Atención ás Vítimas, o Goberno galego está a traballar nunha ferramenta informática que favoreza a comunicación e o acceso a datos por parte dos órganos que entran en contacto coas vítimas. Deste xeito, facilítase a coordinación entre todos os operadores implicados e evítanse posteriores vitimizacións garantindo o acceso das vítimas ao servizo. Tamén puxo en valor a colaboración entre o Goberno galego coas oficinas, tanto na prestación da formación necesaria aos profesionais que traballan nelas como na aprobación de protocolos e guías.

 

A Xunta avoga por consolidar este modelo de atención asistencial, que abarca desde a intervención psicolóxica na que os profesionais da psicoloxía levan a cabo unha atención individualizada da vítima -que determina a forma de previr e evitar as consecuencias da vitimización secundaria- e ademais o estudo e aplicación das medidas de protección que minimicen os trastornos psicolóxicos e propostas para a asistencia e protección da vítima durante o proceso.

 

Nesta liña, Diego Calvo lembrou que a finais do pasado marzo aprobouse o protocolo de actuación sobre o funcionamento destas oficinas, co obxectivo de prestar durante o proceso xudicial unha asistencia integral, coordinada e especializada ás vítimas como consecuencia do delito, en especial ás vítimas especialmente vulnerables como as vítimas de violencia de xénero ou menores de idade.

 

Canto ás novas infraestruturas xudiciais, o vicepresidente primeiro explicou que están en proxecto de redacción as obras do novo edificio xudicial da Estrada e a nova sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en Santiago de Compostela. Ademais, estanse a estudar melloras de eficiencia enerxética e a dotación de mobiliario na Fiscalía provincial de Pontevedra no antigo edificio da Parda.

 

Cadro de Antonio Couceiro

Ao remate da reunión, o vicepresidente primeiro da Xunta e o fiscal superior de Galicia asistiron ao acto de homenaxe ao primeiro fiscal superior de Galicia, Antonio Couceiro Tovar, coa incorporación na galería da Fiscalía dun retrato realizado polo artista Jano Muñoz. Diego Calvo resaltou a figura deste xurista de prestixio poñendo en valor a súa prolífica traxectoria no ámbito xurídico coa publicación de obras de referencia. O vicepresidente primeiro incidiu ademais en que Couceiro Tovar foi unha persoa polifacética a nivel profesional e persoal que, como curiosidade, chegou a reunir máis de 5.000 pezas na súa colección de miniaturas militares.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/09/2023