A Xunta incorpora a histórica locomotora “Sarita” á musealización da Fundación Camilo José Cela

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, participa na inauguración da rehabilitación desta peza coincidindo co 150 aniversario da posta en servizo do primeiro ferrocarril galego

Tras un minucioso proceso de restauración, xa se pode visitar e organizarase unha ampla oferta educativa con obradoiros

Padrón (A Coruña), 15 de setembro de 2023 A Xunta de Galicia vén de incorporar á musealización exterior da Fundación Camilo José Cela a histórica locomotora Sarita despois dun minucioso proceso de rehabilitación realizado nos últimos meses que xa fai posible a súa visita pública.

Coincidindo co 150 aniversario da súa viaxe de Cornes (Santiago de Compostela) a Carril (Vilagarcía de Arousa), o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou no acto de inauguración, onde se referiu á importancia de poder recuperar e poñer a disposición do público esta peza histórica “fundamental no noso patrimonio ferroviario” ao ser a cabeza tractora da primeira liña de ferrocarril de Galicia, que unía Cornes e Carril”, explicou.

“O descubrimento da Sarita sérvenos para celebrar o 150 aniversario dun fito histórico que supuxo todo un evento de época para Galicia. A nosa terra ingresaba de cheo na era da industrialización cunha mellora nas comunicacións e un cambio inmediato no transporte”, engadiu. De feito, indicou que se impulsará unha ampla oferta educativa con visitas guiadas e obradoiros gratuítos para distintos ciclos.

A peza está instalada nos xardíns exteriores da Casa Museo Camilo José Cela, na zona do aparcadoiro. É de titularidade de Adif, cedida pola Fundación de Ferrocarriles Españoles á Fundación Camilo José Cela, e foi restaurada pola Consellería con traballos de limpeza e saneamento da estrutura. Tamén se restauraron a cabina do condutor e a cuberta do teito e limpáronse todas as pezas de latón. Nestes momentos estase traballando na instalación dunha cuberta para protexela das inclemencias meteorolóxicas e facilitar a súa observación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2023