A Xunta reforza desde o vindeiro luns as conexións de autobús dos concellos de Noia e Outes co Hospital Clínico de Santiago

Engádese un novo servizo diario desde Santiago ata Muros ás 22,15 horas

A expedición con saída de Muros cara a Santiago ás 06,05 horas pasará a realizarse todos os días do ano, festividades incluídas

Con estes cambios, a Xunta de Galicia dá resposta ás demandas do persoal sanitario do Hospital Clínico Universitario de Santiago e atende as solicitudes dos Concellos

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade reforzará desde o vindeiro luns, 25 de setembro, as conexións de autobús dos concellos de Noia e de Outes co Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

 

Con esta mellora, a Xunta atende as solicitudes de parte do persoal sanitario do hospital, que pediran mellorar a compatibilidade dos servizos de autobús cos seus horarios de entrada ao traballo, ademais de dar resposta ás demandas trasladadas polos Concellos de Outes e de Noia.

 

Así, reforzarase a conexión da ruta Santiago-Bertamiráns-Noia-Muros mediante a creación dun servizo adicional que sairá da estación intermodal de Santiago ás 22,15 horas, pasará polo Hospital Clínico ás 22,20 horas e chegará a Muros ás 23,55 horas.

 

Por outra banda, o servizo da liña Santiago-AG-56-Urdilde-Noia-Muros por Ponte Nafonso e San Caetano, que sae ás 06,05 horas desde Muros, pasará a estar operativo todos os días do ano, festividades incluídas. Ata agora, realizábase en tempada laborable de inverno, de luns a venres, non festivos.

 

Estas liñas, dispoñibles a diario, incrementarán a oferta de servizos entre os concellos de Noia e de Outes co Hospital Clínico de Santiago de Compostela, ao tempo que facilitarán os desprazamentos do persoal sanitario.

 

Con esta mellora, a Xunta manifesta, novamente, o seu interese por adaptar os servizos de autobús autonómico ás necesidades da cidadanía, ofrecendo mellores conexións e un servizo de transporte público de calidade.

 

A información relativa a estes servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Data de actualización: 21/09/2023