A Comisión Delegada do XII Consello de Comunidades Galegas mantén en Ourense a derradeira reunión de traballo antes da súa renovación

Cenlle (Ourense), 21 de setembro de 2023

A Comisión Delegada do XII Consello de Comunidades Galegas mantivo en Cenlle, no balneario de Laias, a derradeira reunión de traballo antes da súa renovación, que terá lugar ao longo do día de mañá venres, e o sábado 23, durante a celebración do XIII Consello de Comunidades Galegas. Durante estes dous próximos días, 80 entidades galegas buscarán, a través do desenvolvemento de catro relatorios, aportar ideas e proxectos nos eidos cultural, social, de retorno e da galeguidade.

Os 12 membros da mesma pecharon durante a mañá de hoxe estes tres anos de traballo facendo unha avaliación positiva de todo o realizado “nunha etapa que foi especialmente complexa dadas as dificultades vividas pola pandemia e pola posterior crise de inflación mundial que estamos a sufrir”, explicou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.  Co encontro de hoxe ponse fin ao mandato desta Comisión,  órgano de representación permanente da colectividade galega que reside fóra da Comunidade, iniciado na celebración do último pleno do Consello en 2019, que dará paso a unha renovación do órgano integrado polos membros que resulten elixidos polo pleno.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2023