Rueda preside o XIV Pleno do Consello de Comunidades Galegas celebrado en Río de Xaneiro

Desta cita, que se clausurará mañá, sairá elixida a nova Comisión Delegada conformada por 13 entidades, presentes en España, Europa e América

Agradeceu o labor dos membros deste organismo á hora de recoller e atender as necesidades dos galegos no exterior así como difundir a cultura e lingua propias

Río de Xaneiro (Brasil), 11 de novembro de 2026

O titular do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, presidiu esta mañá o XIV pleno do Consello de Comunidades Galegas -que se clausurará mañá- e do que sairá elixida a súa nova Comisión Delegada. Alí agradeceu o labor das entidades que a conforman á hora de recoller e atender as necesidades da comunidade galega no exterior así como difundir a cultura e lingua propias.

Deste Plenario sairá unha nova Comisión Delegada, composta por 13 entidades de España, Europa e América, coa misión de traballar polos intereses dos galegos na diáspora durante os vindeiros tres anos.

Ademais, no acto foron homenaxeados catro galegos pola súa contribución a estreitar lazos entre Galicia e o Brasil. Os recoñecidos son a presidenta da Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos e Instruçao, María Dolores Daparte; o presidente da Sociedade de Socorros Mútuos e Beneficiente Rosalía de Castro, Casto Vieites; a expresidenta da asociación Recreo de Anciáns da Vellez Desamparada, Regina Jallas, e a voluntaria e colaboradora da Asociación Cultural Hispano-gallega Caballeros de Santiago, de Salvador de Bahía, Lourdes Valencia.

Coa asistencia a este pleno, Rueda remata a súa viaxe ao Brasil, onde residen máis de 53.000 galegos, o que sitúa a este país como o segundo coa maior comunidade galega no exterior, só por debaixo da Arxentina.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/11/2026