A Xunta salienta en Stuttgart o papel do encontro de música e cultura tradicional do noroeste de España na difusión da galeguidade en Alemaña

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou nesta cita na que puxo en valor o labor fundamental das asociacións no exterior na transmisión da lingua, a música e as tradicións galegas

Stuttgart (Alemaña), 25 de outubro de 2026

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou na Kolpinghaus de Stuttgart no encontro de música e cultura tradicional do noroeste de España da Asociación de Padres de Familia de Esslingen, un acto dedicado a compartir as tradicións de Galicia, Asturias e León en terras xermánicas. Esta cita cultural ten como fin principal achegar a riqueza e diversidade das linguas, músicas e bailes do noroeste peninsular ao público centroeuropeo, contribuíndo a conservar un patrimonio vivo que se preserva e transmite a través do canto, o baile e a interpretación tradicional.

Durante a súa intervención, o secretario xeral subliñou que a súa presenza no evento representa o sólido vínculo que une a Galicia coas comunidades galegas que mantiveron vivas as súas raíces fóra da súa terra natal. Así mesmo, Rodríguez Miranda destacou o papel fundamental que desempeñan as asociacións no exterior na transmisión da lingua, a música e as tradicións galegas, remarcando que a cultura galega continúa estando presente alí onde as súas xentes a manteñen viva día a día.

Galicia estivo representada pola senlleira voz galega de Rosa Cedrón, xunto coa Agrupación Cultural As Xeitosiñas de Zúrich, un grupo folclórico galego que é unha das entidades máis activas de toda Europa na difusión do folclore e a identidade de Galicia.

O acto puxo ademais un acento especial no recoñecemento ao papel histórico das mulleres como verdadeiras gardiás da memoria oral e da soberanía cultural nos nosos pobos. A través do canto e a percusión, pandereteiras, cantareiras, nais e avós conservaron e transmitiron durante xeracións os ritmos e identidades comarcais, facendo posible que o folclore tradicional continúe resoando nos escenarios internacionais.  

O encontro contou co respaldo institucional da Xunta, ademais da colaboración activa da colectividade a través da Asociación de Padres de Familia de Esslingen. Con esta iniciativa, a Xunta reafirma o seu compromiso co apoio ás entidades do exterior e coa proxección internacional da identidade cultural galega.

Data de actualización: 25/10/2026