A Xunta promove en Chantada o vínculo entre a artesanía e a creación téxtil contemporánea

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, abriu esta mañá as xornadas Tecendo Futuros, organizadas pola Consellería de Economía, Industria e Innovación co obxectivo de abordar os oficios e o traballo de diferentes creadores vinculados ao ámbito téxtil desde perspectivas moi diversas

O encontro celébrase entre hoxe e mañá no Espazo Vilaseco en San Cristovo de Mouricios (Chantada) e conta coa participación de 19 poñentes procedentes de Galicia, doutras zonas de España e de países coma Holanda e Reino Unido
 

Chantada (Lugo), 30 de setembro de 2023

A Consellería de Economía, Industria e Innovación impulsa esta fin de semana en Chantada (Lugo) as Xornadas Tecendo Futuros: prácticas téxtiles contemporáneas, dedicadas á presentación, debate e reflexión sobre o traballo vinculado á creación téxtil desde perspectivas moi diversas como a artesanía, a moda, a ciencia, a arte téxtil, os novos materiais, os materiais reciclados ou as fibras naturais vinculadas a zonas xeográficas concretas. Durante a inauguración do encontro, o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, destacou que esta iniciativa abre unha nova liña de actuación da Administración autonómica para apoiar a artesanía e aquelas experiencias máis creativas, artísticas e transversais, nas que os oficios e as técnicas artesanais desenvolvan un papel relevante.

Heredia sinalou tamén que a escolla do lugar de celebración das xornadas –o Espazo Vilaseco, na aldea luguesa de San Cristovo de Mouricios (Chantada)– está relacionada cos obxectivos desta nova liña de traballo, desde a que se pretende “vincular a creación contemporánea coas nosas raíces, cos nosos oficios, e co noso rural”.

As xornadas están organizadas a través da Fundación Artesanía de Galicia, en colaboración co Espazo Vilaseco, e están comisariadas por Lala de Dios, tecedeira, historiadora da arte, investigadora e presidenta de Oficio y Arte e da Asociación para la Creación Textil. Contan coa presenza de 19 profesionais procedentes de ámbitos como a moda sustentable, os oficios e as técnicas artesanais desenvolvidos nun marco máis conceptual e abstracto, ou a arte contemporánea vinculada ao téxtil.

Programación

As xornadas comezaron esta mañá cunha conferencia da holandesa Simone Post, artista e deseñadora de produto, centrada na preservación dos saberes artesanais e da sustentabilidade. Simone Post utiliza materiais residuais que aplica e procesa de forma artesanal e laboriosa para crear novos produtos estéticos con valor eterno. Interesada en experimentar e investigar cores, procesos e técnicas, aplicando materiais residuais de empresas coas que traballa, como Adidas, Kvadrat e Vlisco, de formas sorprendentes.

As intervencións posteriores divídense en catro mesas temáticas, dúas hoxe sábado e as outras dúas na mañá do domingo. A primeira das mesas está dedicada ao traballo de diferentes obradoiros artesanais entre os que se atopan Belategui Regueiro (Cambre), de Artesanía de Galicia, o taller madrileño Carmen17 -que compaxina o deseño de vestiario para artes escénicas coa súa marca de roupa artesanal- e o sevillano Hilando el tiempo, especializado na creación contemporánea a partir da técnica do gancho; e estará moderada pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro.

A segunda mesa estará centrada na relación entre artesanía e moda e contará coa participación do artesán especializado en sombreiros Félix de Martín (Ourense), de Artesanía de Galicia, Silvia Calvo (Barcelona), unha marca de moda sustentable que emprega xute reciclado, e Raquel Buj (Madrid), especializada na experimentación con novos materiais e na mestura da artesanía, a fabricación dixital e da biofabricación. Este debate estará moderado por Mónica Rey Cabezudo, investigadora postdoutoral de Historia da Moda nas universidades de Santiago e Vigo.

A terceira das mesas, xa o domingo, estará dedicada ao vínculo entre téxtil, arte e ciencia e contará coa participación da artista visual e investigadora experimental en bordado Carmen M. Castañeda (Madrid), a artista e deseñadora Elisa Cuesta (Asturias/Madrid), que opera na intersección entre as artes, o deseño e as ciencias, e na creadora Luz Moreno Pinart (Madrid/París), especialista na relación das fibras téxtiles coa arquitectura e coa natureza e finalista do Loewe Craft Prize 2023. Lola Dopico, directora do Máster Universitario en Deseño e Dirección Creativa de Moda ESDEMGA, da Universidade de Vigo, será a encargada de moderar este debate.

A última das mesas centrarase nos materiais autóctonos e nela presentaranse diferentes proxectos de recuperación de fibras téxtiles como “Vilaseco na aldea: liño e arte”, a cargo de Miriam Vilaseco e Manuel Rodríguez Calviño; Mutur Beltz, impulsado por Laurita Siles para recuperar a la autóctona de Karrantza (Bizkaia); ou o da marca británica de tecido artesanal Mourne textiles, sobre a que falará o seu director, Mario Sierra. Esta mesa estará moderada por Lala de Dios.

Como complemento a estas xornadas, o luns 2 e o martes 3 de outubro terá lugar no mesmo Espazo Vilaseco un taller especializado de trenzado de fibras coa técnica ply-splitting, impartido pola creadora británica Helen Leaf. Nesta actividade exploraranse as bases desta técnica, traballando en redondo, tecendo motivos decorativos e bordos; os asistentes realizarán trenzas, tramas e cestas con liño, algodón, papel e la. Ao curso asistirán 12 profesionais de Artesanía de Galicia e terá lugar en horario de 10:00 a 14:00 e de 15:30 a 19:30h.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/09/2023