A Xunta apoia á asociación ASCM na celebración da xornada de voluntariado Falemos de Solidariedade

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, que participou esta mañá na presentación do evento, avanzou o compromiso da Xunta de presentar antes de finais de ano a Estratexia de Acción Voluntaria 2027

A cita terá lugar o próximo 10 de outubro no salón de actos Concepción Arenal do campus ferrolán e nela se analizarán as novas prácticas no fomento de experiencias de solidariedade e voluntariado nos ámbitos público e privado

Ferrol, 3 de outubro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación da xornada de voluntariado Falemos de solidariedade, organizada pola asociación ASCM cunha achega autonómica da Consellería de Política Social e Xuventude.

O evento terá lugar o próximo 10 de outubro no salón de actos Concepción Arenal do campus universitario de Ferrol, onde se darán cita responsables de organismos como as oficinas de voluntariado do Concello de Ferrol e do campus, así como d a Asociación de persoas Xordas de Ferrolterra, Asotrame ou a propia ASCM para analizar as novas prácticas no fomento de experiencias de solidariedade e voluntariado nos ámbitos público e privado.

Durante a presentación, na que tamén participaron a presidenta da ASCM, Paula Gárate, e a concelleira de Benestar Social de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, a delegada territorial puxo de manifesto o seu desexo de que esta xornada “supoña un punto de encontro e coñecemento de diversas experiencias relacionadas coa solidariedade e co voluntariado”.

Aneiros destacou o carácter solidario da sociedade galega, unha afirmación que avalou cos últimos datos de 2022 no que “máis de 1.100 entidades de acción voluntaria constaron inscritas no rexistro da Xunta e que aglutinan a case 55.000 persoas”. A delegada territorial puxo en valor tamén as preto de 10.000 persoas implicadas activamente nos programas impulsados polo Goberno galego nos distintos ámbitos durante esta anualidade.

A representante da Xunta avanzou ademais o compromiso desta de presentar antes de que remate o ano a Estratexia de Acción Voluntaria 2027, “a folla de ruta que marcará os obxectivos e medidas concretas a desenvolver polas entidades e persoas voluntarias de cara a os próximos anos”, concretou.

Un documento, que segundo Aneiros, “é froito dun proceso participativo que a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado leva desenvolvendo desde o ano pasado e que se sustenta en seis eixos estratéxicos: abordar a realidade dos novos modelos de acción voluntaria, consolidar e reforzar a formación en materia de voluntariado, dar resposta a novas inquedanzas de compromiso e implicación social, recoñecer a acción voluntaria, captar e fidelizar a participación das persoas voluntarias, e cooperar e coordinar ás distintas administracións e institucións académicas e ás entidades de acción voluntaria”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/10/2023