A directora xeral de Patrimonio Natural participou hoxe en nome da Xunta nun encontro con representantes de Andalucía, Aragón, Cantabria, Castela e León, Murcia e A Rioxa

Galicia expón nun foro de traballo interautonómico a súa inquedanza polo status de protección do lobo e a súa coexistencia co sector primario

Belén do Campo traslada que a Xunta remitiu xa á Comisión Europea un completo informe no que se constata que a situación da especie na Comunidade é favorable e subliña a necesidade de que a UE coñeza a realidade e os últimos datos dispoñibles

As 7 comunidades asistentes decidiron esixir ao Goberno que convoque unha conferencia sectorial para distribuír territorialmente os orzamentos do lobo de 2023
 

Logroño, 6 de outubro de 2023

A Xunta compartiu hoxe xunto a representantes dos gobernos de Aragón, Andalucía, Cantabria, Castela e León, Murcia e A Rioxa, que exerceu de anfitrioa, a súa inquedanza polo actual status de protección do lobo ibérico no conxunto de España, unha situación que complica o mantemento do equilibrio entre a especie e a actividade do sector primario, co que comparte territorio.

Durante un encontro interautonómico para estreitar lazos e compartir posibles liñas de actuación en materias de interese común no eido medioambiental, organizado polo Goberno da Rioxa, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, defendeu en nome da Xunta a necesidade de que as autoridades comunitarias coñezan de primeira man a realidade da especie en cada rexión.

Neste sentido, explicou que o Executivo galego respondeu ao proceso de consultas aberto pola Comisión Europea ao respecto remitindo un completo informe o pasado 22 de setembro no que se constata o estado favorable da poboación de lobo ibérico en Galicia e se dá conta de todos os datos obtidos a raíz do último censo da especie realizado pola Xunta entre 2021 e 2022 “ante a inactividade” do Goberno central e pese ao seu compromiso coa elaboración dun estudo a nivel nacional.

Na mesma liña, Belén do Campo salientou que a decisión do Goberno central de elevar o nivel de protección do lobo no conxunto do país en setembro do ano 2021 estaba inxustificada xa que a realidade e a dinámica poboacional desta especie non aconsellaba adoptar medidas adicionais para garantir a súa conservación ao norte do río Douro.

Tras indicar que na información remitida pola Xunta se incluíu tamén un anexo con información sobre o impacto que ten no sector agrogandeiro e no rural, do Campo lembrou o “esforzo económico” do Goberno galego neste sentido, cun investimento de case 8 millóns de euros desde 2016 a través de diferentes ordes de axudas.

Precisamente, todos os representantes autonómicos coincidiron en denunciar que a estas alturas do ano aínda estea sen facer o reparto dos fondos reservados para o lobo nos orzamentos de 2023. De feito, decidiron reclamar ao Ministerio a convocatoria dunha conferencia sectorial extraordinaria e monográfica para abordar a distribución territorial desas partidas, xa aprobadas na comisión celebrada no mes de xuño.

De feito, Belén do Campo lembrou que a Xunta quedou fóra do reparto do ano pasado polo “sectarismo” do Goberno central, que vencellou o acceso a estes fondos á subscrición da nova Estratexia nacional do lobo, unha “chantaxe”, dixo, que Galicia non aceptou e pola que segue reclamando por vía xudicial o seu dereito a recibir os 4,3 millóns de euros que lle correspondían segundo o reparto acordado en 2022.

Neste sentido, os representantes dos gobernos galego, cántabro e castelán leonés, cuxos territorios concentran o maior número de exemplares de lobo de todo o país, coincidiron en censurar a unilateralidade do Executivo central en todas as súas decisións sobre a xestión da especie, sen escoitar nin consultar ás principais comunidades lobeiras, unha actitude que esperan que non se repita ante a petición de Conferencia sectorial acordada hoxe e que se lle trasladará ao Ministerio nos vindeiros días.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2023