Sanidade e Educación ultiman a implantación do programa YAM nos institutos para a prevención do suicidio

Galicia é pioneira na implantación desta iniciativa, que conta para o seu desenvolvemento cun financiamento de dous millóns de euros

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2023

O Edificio Administrativo do Sergas acolleu esta semana unha xuntanza entre representantes da Consellería de Sanidade, do Sergas e da Consellería de Educación, para a posta en común do estado de implantación do Programa YAM, enmarcado no protocolo de prevención da conduta do suicidio na infancia no ámbito sanitario e educativo.

Cómpre remarcar que hai case un ano o Sergas implementou, en colaboración coa Consellería de Educación, o Protocolo de prevención, detección e intervención do risco suicida, e un dos principais fitos que permitiu acadar foi a posta en marcha do Código Agarimo e dunha vía rápida de atención a menores en risco medio/alto de suicidio.

Galicia é pioneira na implantación dun novo modelo de prevención do suicidio na mocidade, denominado YAM, patentado polo Instituto Karolinska. Esta medida conta, para o seu desenvolvemento, cun financiamento de dous millóns de euros, a través do fondo social europeo, recentemente aprobado. Deste proxecto xa están capacitados 20 instrutores ata conformar un equipo de 50 persoas de profesionais de saúde mental e do ámbito educativo, para chegar a intervir na totalidade dos centros públicos de Galicia. Tamén se están a formar profesionais do sistema sanitario como do eido educativo e do sistema de protección do menor.

Na xuntanza abordouse, así mesmo, o Programa Visia, no que está a traballar a Consellería de Sanidade, e que ten como obxectivo xeral deseñar e implementar un sistema automatizado de detección de malestar emocional e risco de suicidio na adolescencia baseado na intelixencia artificial. A detección farase a partir de perfís moleculares obtidos mediante proteómica de saliva, gravacións de vídeo e audio en contextos específicos, e o contido da linguaxe producida polos suxeitos obxecto do estudo.

Á reunión entre Sanidade e Educación asistiron, entre outros representantes dos dous departamentos, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/10/2023