Declaración institucional da Xunta de Galicia con motivo da conmemoración, este 18 de outubro, do Día europeo contra a trata de seres humanos

A trata de seres humanos constitúe unha das máis atroces violacións dos dereitos humanos porque menoscaba a dignidade e a liberdade das persoas. É responsabilidade ineludible de todos os gobernos enfrontar decididamente este problema, mediante políticas integrais que busquen castigar aos responsables, pero tamén protexer ás vítimas e erradicar as raíces estruturais e sociais que sustentan estas redes de explotación.

Como cada ano, con motivo da conmemoración do Día europeo contra a trata de seres humanos -instaurado por primeira vez pola Unión Europea en 2007-, o Goberno galego quere reiterar o seu total rexeitamento ante calquera situación de explotación sexual que padecen, de xeito maioritario, mulleres e menores.

A trata perpetúa ciclos de violencia e nútrese das desigualdades e vulnerabilidades máis profundas. Recoñecer e combater este problema implica situalo en primeira liña da nosa axenda política.

A Xunta de Galicia está firmemente comprometida na loita contra a violencia contra as mulleres, que inclúe a trata con fins de explotación sexual entre unha das súas manifestacións máis execrables.

O reforzamento continuo dos mecanismos de atención e o establecemento dunha rede de apoio, seguridade e información ás vítimas segue a ser o camiño para atopar a mellor resposta institucional a estas situacións que nos conmoven como sociedade.

Este obxectivo non sería posible se non avanzásemos da man das entidades sen ánimo de lucro, que desenvolven unha misión loable e necesaria para atallar as consecuencias desta práctica inasumible.  

Non menos importante resulta sensibilizar á cidadanía, en especial á mocidade,  para evitar a normalización de calquera tipo de violencia e para que faga fronte, con decisión, ás vulneracións de dereitos, máis aínda, cuando afectan aos máis desprotexidos.   

A trata de persoas é un problema estrutural que soamente se conseguirá atallar cun  cambio cultural e social que como Administración queremos seguir a impulsar. Por iso a comunidade galega deseñou o I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024 e conta coa Rede Galega contra a Trata, que quere sitúar ás vítimas no centro.

Galicia recoñece a explotación sexual como unha forma de violencia de xénero. As súas vítimas contan xa coas mesmas axudas que as mulleres que sofren violencia de xénero.

Non deixaremos de combater a trata con fins de explotación sexual porque, mentres haxa persoas vítimas, non poderemos falar da sociedade que queremos: verdadeiramente libre, xusta e igualitaria.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2023