O Sergas publica a baremación definitiva do proceso selectivo de estabilización por concurso de méritos para o ingreso na categoría de médico de familia de atención primaria

Resultan seleccionados con praza fixa -sen exame- 42 profesionais médicos/as de familia de atención primaria, dando comezo o prazo para a elección de destino

A elección dos 42 destinos en centros de saúde e PAC será telemática -a través de Fides/expedient-e, evitando así o desprazamento dos aspirantes á sede do órgano convocante
 

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se fai pública a baremación definitiva e a relación de aspirantes definitivamente seleccionados/as no proceso selectivo de estabilización -por concurso de méritos- para o ingreso na categoría de médico de familia de atención primaria.

Neste senso, tamén se inicia o prazo para a elección os 42 destinos definitivos ofertados, tanto no persoal médico dos centros de saúde, como en postos de puntos de atención continuada para urxencias extrahospitalarias (PAC), na categoría de médico/a de familia de atención primaria, proceso que foi convocado pola Resolución do 26 de decembro de 2022.

Neste proceso resultan admitidos 350 aspirantes. Están convocados/as para o acto telemático de elección de destino os 42 aspirantes seleccionados/as, dos cales 38 accederon pola quenda de acceso libre e 4 pola quenda de discapacidade.

Todos os aspirantes definitivamente seleccionados neste proceso están vinculados actualmente ao Servizo Galego de Saúde, co que mediante este proceso se consegue a finalidade da Lei de estabilización, reducir a porcentaxe de persoal temporal no organismo ao acceder a praza fixa.

O 73,14 % das persoas participantes neste proceso selectivo son mulleres, obtendo praza o 57,14% delas.

Documentación a presentar os/as aspirantes seleccionados/as

Os/as aspirantes seleccionados/as deberán presentar a documentación relacionada na resolución no prazo de dez días hábiles contados desde o día seguinte a súa publicación: declaración de non ter sido separado/a do servizo mediante expediente disciplinario de calquera servizo de saúde ou Administración pública, certificado médico, certificación do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos de non ter sido condenado/a por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual e a declaración de non ter a condición de persoal estatutario fixo da categoría de médico/a de familia de atención primaria. Os/as aspirantes da quenda de discapacitados, de ser o caso, deberán presentar ademais a documentación que acredite que seguen mantendo esta condición.

Co obxecto de facilitar a súa presentación, porase a disposición dos/das aspirantes, na páxina web do Servizo Galego de Saúde no apartado de emprego público, os modelos de declaración e de autorización de consulta de datos no Rexistro Central de Delincuentes Sexuais e de Trata de Seres Humanos.

Prazo para a elección de destino e presentación de documentación

Os/as aspirantes disporán dun prazo de dez días hábiles, comprendido entre o 18 e o 31 de outubro para seleccionar os destinos ofertados por orde de prelación.

Procedemento

A elección de destino realizarase a través do sistema de información Fides/expedient-e, conforme as bases de procedemento publicadas no Diario Oficial de Galicia do 5 de xuño de 2020. A aplicación informática fará visibles todas e cada unha das prazas que se ofertan na respectiva categoría e facilitará información á persoa aspirante da posición e orde de prelación que ocupa no proceso, a efectos de elección de destino, segundo a quenda de participación e puntuación acadada nel. A selección de destinos efectuarase por orde de preferencia e requirirá a sinatura electrónica e presentación por rexistro electrónico.

Finalizado o prazo para a selección de destinos, o sistema de información efectuará a adxudicación automática, en función da quenda e orde de prelación acadada por cada aspirante no proceso e atendendo á orde de preferencia na selección de destinos efectuada por este.

Este procedemento telemático redunda nunha maior axilidade e simplificación dos procesos selectivos e supón un avance no dereito dos/das cidadáns/ás de relacionarse electronicamente coas Administracións Públicas. Asegúrase a continuidade asistencial e o normal funcionamento dos centros sanitarios .

As persoas aspirantes seleccionadas poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas co procedemento de elección de destinos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.

Anteriormente se publicaron tamén os resultados de baremación definitivos do persoal de enfermería para acceso por concurso de méritos. Sendo este o segundo proceso que se resolve dos procesos de estabilización por este sistema de concurso.

Nos próximos días sairán publicados os resultados de baremación provisional de concurso de méritos das categorías de Técnicos en coidados auxiliares de enfermería e de Persoal de servizos xerais, así como tamén os resultados de diversas categorías vinculadas a centros comarcais de difícil cobertura así como facultativos especialistas de atención primaria.

Os días 4 e 5 de Novembro están previstas as probas por concurso oposición para as categorías de Persoal de xestión e servizos e técnicos en coidados auxiliares de enfermería, tanto en quendas de acceso libre como discapacidade xeral, e tamén con prazas para acceso para discapacidade intelectual e que terán lugar en Silleda.

Data de actualización: 17/10/2023