Un total de 60 galegos procedentes do exterior formaranse na Escola de Hostalería da Coruña a través do programa Retorna Cualifica Emprego

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na Coruña na presentación desta iniciativa, onde se están a formar xa galegos no exterior para traballar no sector da hostalería

O Goberno autonómico ofrece axudas formativas, para a viaxe e para o establecemento en Galicia a disposición dos residentes no exterior con ganas de retornar, co gallo de que poidan ocupar as vacantes laborais existentes

No acto púxose en valor o interese destas persoas pola Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego

A Coruña, 18 de outubro de 2023

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación. Zeltia Lado, participou hoxe na Coruña, na Escola de Hostalaría, na presentación do programa Retorna Cualifica Emprego co que a Xunta está a facilitar que galegos no exterior poidan volver a Galicia cun contrato estable, conectando así perfís con distintas cualificacións de fóra con vacantes laborais en Galicia de sectores como a construción, o transporte, a hostalaría ou a tecnoloxía.

Ata o de agora xa se formaron nesta escola 30 galegos no exterior e na actualidade asisten ás accións formativas outro grupo de 15 persoas. En novembro iniciarán os cursos outros 15. 

No acto, ao que tamén acudiron o presidente da Asociación de Empresarios de Hostalería da Coruña, Héctor Cañete, e o presidente da Fundación Venancio Salcines, Venancio Salcines, (unha das entidades colaboradoras co desenvolvemento deste programa), puxéronse en valor as vantaxes desta iniciativa autonómica.

Na actualidade hai arredor de medio milleiro de ofertas de traballo dispoñibles no marco deste programa englobado na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, e están empezando a chegar os primeiros residentes no exterior para cubrilas.

Esta aposta inclúe un programa de accións formativas para a adquisición de capacidades relacionadas co posto que se vai ocupar, ao que se incorporarán cun contrato indefinido. Tamén se sufragarán os gastos de traslado e concédese unha axuda de 1.300 euros para o inicio da vida na nosa Comunidade, de xeito individual ou coa familia.

De cara ao establecemento en Galicia, no acto púxose de relevo o interese de moitos residentes no exterior na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con 10 activos na actualidade.

Cómpre destacar que, co retorno de persoas residentes no exterior, conséguese avanzar na xeración de emprego e no incremento da poboación activa en Galicia, dando resposta ás necesidades do tecido produtivo galego ao tempo que se fixa poboación no rural.

Ao remate da presentación, Lado, ademais, mantivo un encontro cos 15 alumnos e alumnas que na actualidade están a recibir formación no marco deste programa na Escola de Hostalería.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2023