O Sergas publica as puntuacións provisionais no concurso de méritos para postos de difícil cobertura en atención primaria, hospitais comarcais e saúde mental

Convócanse 329 prazas por concurso de méritos para postos de difícil cobertura

Galicia é pioneira neste sistema de acceso tanto en atención primaria como en hospitais comarcais

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023

O Diario Oficial de Galicia  publica, na súa edición de hoxe, unha Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, pola que se dan a coñecer as puntuacións provisionais do proceso selectivo para o ingreso polo sistema de concurso á condición de persoal estatutario fixo en diversas categorías de persoal licenciado sanitario, para a cobertura de 329 prazas tanto en hospitais comarcais como en atención primaria.

Estes procesos selectivos realízanse en execución da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Sergas (Diario Oficial de Galicia núm. 196, do 14 de outubro), co obxectivo de incorporar persoal fixo con carácter urxente en atención primaria nas categorías de facultativo especialista de atención primaria e pediatra de atención primaria; e, tamén, en incorporar en hospitais comarcais facultativos especialistas de área (en diversas especialidades), médicos de hospitalización a domicilio, médicos de urxencias hospitalarias e persoal especialista no ámbito da saúde mental (psiquiatras e psicólogos clínicos).

Na categoría de facultativo especialista de atención primaria, este é o segundo proceso que se realiza, tendo realizado o primeiro no ano 2022, incorporando a 106 facultativos.

Neste proceso, ademais de médicos de familia, incluíronse tamén a pediatras de atención primaria.

Con este proceso selecciónase, por primeira vez, persoal médico especialista por sistema de concurso de méritos para prestar servizos con vinculo fixo nos hospitais dos distritos sanitarios de Cee, A Barbanza, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras e O Salnés.

Por outra parte, para levar a cabo as accións previstas no Plan de Saúde Mental de Galicia (período 2020-2024), que prevé 98 proxectos asistenciais dirixidos a diminuír o impacto que o padecemento dun trastorno mental ten nas persoas, así como a desenvolver medidas de promoción da saúde mental positiva, prevención da aparición dos trastornos mentais e melloras asistenciais orientadas a prestar coidados orientados á recuperación das persoas, inclúense prazas de psiquiatras e psicólogos clínicos.

Resultaron admitidos, con carácter definitivo, un total de 1.310 aspirantes. A categoría na que máis aspirantes se presentan é a de facultativo especialista de atención primaria, con 234 aspirantes. Así mesmo, o 74,05 % das persoas admitidas son mulleres, e un 4,66%, 61 das 1.310, proceden de fóra da comunidade autónoma.

Incorporación de persoal fixo

Esta convocatoria terá como resultado a incorporación de persoal fixo neste mesmo ano de 116 prazas en distintas especialidades de facultativo especialista de área para postos en hospitais comarcais (anestesia, traumatoloxía, radioloxía, xinecoloxía, médico de urxencias...), 81 en saúde mental, das que 44 son de psiquiatras e 37 de psicólogos clínicos, 60 prazas de pediatra de atención primaria, e 72 prazas de facultativo especialista de atención primaria, en total 329 prazas convocadas. As prazas serán adxudicadas sen a realización de exames de oposición, coa baremación do currículum dos participantes.

Cada aspirante poderá consultar o detalle da súa puntuación no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos. Ao longo do día de hoxe publícanse na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) as puntuacións provisionais obtidas polos aspirantes presentados ao proceso selectivo.

Contra os resultados da baremación provisional os aspirantes poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de cinco días hábiles a partir de mañá. O prazo de reclamación vai dende mañá ata o 2 de novembro.

A estimación ou desestimación das reclamacións presentadas entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas, que se publicará noDiario Oficial de Galicia.

Data de actualización: 25/10/2023