A Xunta destina case 364 M€ en 2024 ao fomento do deporte, á modernización da xustiza, ao apoio ás entidades locais e aos servizos de emerxencias, e a prol da acción exterior da comunidade

O vicepresidente primeiro da Xunta, Diego Calvo, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para explicar as contas do seu departamento para o vindeiro ano

A Secretaría Xeral para o Deporte incrementa a súa partida en case un 28 % ata os 56,2 M€, dos que 16,2 M€ corresponden ao Bono Deporte e 17,5 M€ a obras en infraestruturas deportivas como a Cidade do Deporte de Ferrol, o parque acuático de Monterrei ou o módulo cuberto de atletismo de Ribeira

A Dirección Xeral de Xustiza conta con máis de 171 M€ para continuar coa modernización e dixitalización deste servizo e na mellora de inmobles como os xulgados da Estrada ou a nova sede do Imelga en Santiago de Compostela

As entidades locais disporán de 20 M€ para consolidar as liñas de axudas dos últimos anos e poñer en marcha unha nova orde plurianual de 5,3 M€ destinada ao financiamento de actuacións de eficiencia enerxética

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2023

A Xunta investirá en 2024 case 364 M€ en promover o deporte, contribuír a unha xustiza áxil e eficiente, colaborar nas demandas das entidades locais, reforzar a atención ás emerxencias e dirixir a acción exterior da comunidade. Segundo explicou hoxe o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, no Parlamento galego, o investimento supón un aumento de máis dun 6 % respecto das contas deste ano.  

Destaca o incremento de case un 28 % na partida para a Secretaría Xeral para o Deporte ata os 56,2 M€ consolidando o incremento histórico do 36 % das últimas contas. A contía máis elevada corresponde ao Bono Deporte, unha axuda fundamental -sinalou o vicepresidente primeiro- de 16,2 M€ coa que sufragar con bonos de 120 euros o material deportivo e o custo das actividades deportivas de familias con fillos e fillas de 6 a 16 anos con licenza federada nalgunha disciplina ou que formen parte do programa Xogade. Entrará en funcionamento en xaneiro e prevese que chegue a 135.000 beneficiarios. Esta medida complementa outras iniciativas de apoio ao deporte base como precisamente o programa Xogade, que contará en 2024 con 3,3 M€ para unha nova convocatoria.

Canto ao deporte de elite e, tendo en conta a celebración dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos, reservaranse 600.000 euros á orde de axudas a deportistas de alto nivel (DGAN), incluíndo os que van competir en París 2024.

No que se refire á creación de novas instalacións e á mellora das existentes, a través de distintas accións investiranse 17,5 M€ nas catro provincias galegas. Ademais dos case 6 M€ destinados ás subvencións para a creación e mellora de infraestruturas deportivas de titularidade municipal, avanzarase noutros proxectos como a Cidade do Deporte de Ferrol (1,5 M€), o parque acuático de Monterrei (1,5 M€), ou o módulo cuberto polideportivo de Ribeira (1,4 M€).

Do mesmo xeito, manterase o compromiso co tecido asociativo con 8 M€, o que inclúe case 5 M€ para convenios coas federacións deportivas, 2 M€ á orde de axudas a entidades deportivas e 1 M€ ás subvencións para equipamento deportivo. Ademais, como detallou Diego Calvo, seguirase a apostar polos centros deportivos de tecnificación e alto nivel como o Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra ou os núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE).

Mellora das infraestruturas xudiciais e administrativas

O vicepresidente primeiro subliñou que a Xunta seguirá apostando pola modernización da xustiza co obxectivo de garantir un servizo áxil e eficiente, con 171 M€ o vindeiro exercicio da Dirección Xeral de Xustiza. Así, o próximo ano seguirase co avance nas medidas de dixitalización tendo en conta que o 1 de xaneiro de 2024 todas as salas de vistas dos xulgados galegos serán integramente dixitais.

No marco do Plan de Infraestruturas Xudiciais, o Goberno galego leva investidos máis de 127 M€ en grandes obras xudiciais. Destinaranse 2,2 M€ ás obras dos xulgados da Estrada xa iniciadas e 2,7 M€ á nova sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) en Santiago de Compostela, do que xa se realizou o proxecto. O Imelga tamén renovará as salas de autopsias das súas subdireccións, ás que se reservan 300.000 euros. Tamén se investirán 240.000 euros na remodelación do antigo edificio xudicial da Parda, en Pontevedra.

Un total de 1 M€ destinarase a melloras de eficiencia enerxética en xulgados galegos, ao que se suman outros 2,5 M€ en actuacións deste tipo en edificios administrativos da Xunta, como as realizadas xa nas delegacións de Lugo, A Coruña e Ferrol. Así, nos últimos anos as obras de eficiencia enerxética executadas pola Vicepresidencia primeira superan os 28 M€, dos que 21 M€ corresponden a edificios administrativos e case 7 M€ a xulgados.

Co obxectivo de ofrecer unha xustiza de calidade inclúense outras medidas como 2 M€ ao plan plurianual para a renovación de equipamento e mobiliario dos arquivos e oficinas xudiciais, que se suman aos máis de 6 M€ dos últimos anos. Para a catalogación, dixitalización e expurgo dos arquivos xudiciais optimizando o espazo resérvase case 1 M€.

Unha xustiza de calidade precisa -como asegurou Diego Calvo na súa intervención- dun bo equipo de profesionais, de aí que a Xunta avance na consolidación do recoñecemento á traxectoria profesional do seu persoal ao servizo da administración da xustiza con máis de 3,3 M€. Crearanse tamén 15 novas prazas de funcionarios para as 3 novas unidades xudiciais que conceda o Ministerio de Xustiza; reservaranse 14,2 M€ á retribución de avogados e procuradores pola prestación do servizo de asistencia xurídica gratuíta e 125.000 euros para manter o apoio á mediación intraxudicial como método alternativo á vía xudicial para a resolución de conflitos, entre outras inversións.

A Xunta seguirá atendendo as necesidades dos edificios administrativos de titularidade autonómica e, nese senso, adaptarase o inmoble dos xulgados da rúa Lalín, en Vigo, para albergar dependencias para asociacións, cunha partida de 4,7 M€ para o vindeiro ano, no que comezarán as obras unha vez remate a redacción do proxecto.

Destaca tamén o investimento de 2 M€ para avanzar na construción da nova delegación territorial da Xunta en Ourense, cuxo proxecto está en fase de redacción. Suporá un investimento total de 24 M€ e terá capacidade para 900 empregados públicos. Ademais, en Ferrol xa arrincaron os traballos para acondicionar novos espazos na delegación territorial por valor de 680.000 euros, 441.300 deles dos presupostos de 2024.

Apoio ao funcionamento e equipamento dos servizos de emerxencias

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior seguirá traballando nos ámbitos de protección civil e emerxencias, seguridade e espectáculos públicos e xogo cun orzamento de 30,4 M€, incluíndo as partidas para a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

Pese a tratarse dunha competencia de carácter local, a Xunta seguirá apoiando os gastos de funcionamento e a dotación de equipamento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), así como pola comarcalización dos parques de bombeiros das cidades. Nesta liña, as contas de 2024 inclúen 1 M€ para as obras do novo parque de bombeiros de Santiago de Compostela, no marco do acordo co Concello e a Deputación provincial da Coruña para a comarcalización do servizo, e outros 500.000 euros para reformas no de Ferrol, que xa formalizou hai anos a comarcalización. Ademais, outros 500.000 euros irán destinados a apoiar a comarcalización dos parques das grandes cidades e máis de 10 M€ ao apoio do parques dos consorcios provinciais contraincendios e de salvamento.

Da actividade do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, elemento clave na integración e coordinación dos servizos de atención ás emerxencias, destaca a entrega de dispositivos cunha aplicación móbil que permita a comunicación de incidencias entre os organismos do sistema galego de protección civil. Reforzarase ademais a participación da Axega en proxectos co uso de drons desde situacións remotas.

Pola súa parte, a Agasp mantense como centro de referencia das forzas e corpos de seguridade que traballan en Galicia e 90 concellos xa delegaron a selección do seu persoal na Academia, o 70 % dos que dispoñen deste corpo. O vicepresidente primeiro insistiu na necesidade de que o Goberno central dote a Policía Autonómica das prazas vacantes, xa que a unidade está ao 70 % con 354 axentes ao tempo que medran as súas competencias.

Por último, as contas reservan 30.000 euros á posta en marcha do Observatorio Galego do Xogo, organismo encargado do seguimento do cumprimento da Lei dos Xogos de Galicia que entrou en vigor hai unhas semanas.

Colaboración coas entidades locais

A Dirección Xeral de Administración Local manterá o compromiso coas entidades locais cun orzamento de máis de 20 M€. Deste xeito, manterase a contía de 3,5 M€ da Orde de Infraestruturas de uso público para a mellora das instalacións destinadas á prestación de servizos municipais, os 3 M€ das axudas a asociacións de veciños e de mulleres rurais e comunidades de usuarios de auga ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria e o apoio ás melloras ambientais a través do Fondo de Compensación Ambiental. A maiores, porase en marcha unha orde de subvencións con 5,3 M€ para actuacións de eficiencia enerxética en instalacións municipais, cofinanciada con fondos FEDER.

Diego Calvo incidiu no compromiso da Xunta co financiamento dos concellos co Fondo de Cooperación Local (FCL), que desde 2011 garante por lei a participación mínima dos municipios nos orzamentos da Xunta. En 2024 recibirán 39,3 M€ do fondo adicional do FCL,  case un 30 % máis que este ano que xa supuxera un aumento histórico do 135 %. Os 112 M€ restantes corresponden ao fondo base, polo que a cantidade total do FCL ascende a 152 M€, un 6 % por riba da contía deste ano. Así, o total de transferencias da Xunta aos concellos superará os 602 M€ en 2024, isto é, 38 M€ máis que este ano.

Acción de Galicia no exterior

A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea disporá de 11 M€, destinados sobre todo ao Plan Anual da Cooperación Galega, que sobe un 14 % ata case 9 M€ para reforzar proxectos de educación, axuda humanitaria e emerxencias, e de cooperación no exterior con ONGD e outros axentes. O plan de 2023 executouse na súa totalidade.

A Xunta manterá a súa aposta pola Fundación Galicia Europa para seguir defendendo os intereses de Galicia na UE e, respecto das relacións con Portugal, polos programas conxuntos para que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal siga na posición de liderado en captación de fondos europeos do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza (POCTEP), do que a Comisión Europea aprobou a convocatoria para o período 2021-2027. No anterior período 2014-2020 a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal foi a área máis beneficiada da fronteira hispano-lusa e, segundo apuntou o vicepresidente primeiro, este ano coas tres convocatorias aprobadas xa se captaron 76 M€ en 46 proxectos.

A Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias disporá de 2,9 millóns de euros para seguir traballando como ligazón coas outras institucións e facendo seguimento das normativas estatais e doutras comunidades en aras da coordinación e colaboración institucional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2023