O presidente galego explicou esta iniciativa tras a visita en Santiago á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, dirixida polo doutor Ángel Carracedo

Rueda anuncia o Proxecto Xenoma Galicia, que recompilará o ADN de 400.000 galegos para identificar variantes xenéticas de alto risco

Salienta que se trata dun “salto de xigante” no sistema sanitario galego, xa que permitirá detectar enfermidades antes de que aparezan, diagnosticar de forma precoz e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados

Destaca que a Xunta reservará 20 M€ para esta iniciativa coa que considera que Galicia afianza a súa posición na “vangarda” da medicina personalizada nos eidos nacional e internacional

Pon en valor que se farán cribados específicos para previr determinados cancros e enfermidades cardiovasculares

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha o próximo ano do Proxecto Xenoma Galicia, unha iniciativa pioneira en España que recompilará o ADN de 400.000 galegos e galegas para identificar variantes xenéticas de alto risco e poder así detectar enfermidades antes de que aparezan, diagnosticar de forma precoz e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados. 

“Será un salto de xigante para o noso sistema sanitario”, aseverou o mandatario galego durante unha visita á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica,  en Santiago de Compostela, tras a que explicou os detalles desta iniciativa acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e polo director da Fundación, o doutor Ángel Carracedo. 

Rueda explicou que nesta iniciativa serán convidados a participar de xeito voluntario 400.000 galegos e galegas de entre 35 e 65 anos. As persoas serán escollidas aleatoriamente, polo que o mandatario galego fixo un chamamento a que participen, apelando ao beneficio colectivo que traerán consigo os resultados deste programa. 

Os participantes só terán que recoller unha proba de saliva e depositala en contedores no seu centro de saúde. Con estas probas, xerarase unha información fundamental para a historia clínica do paciente, pero tamén moi valiosa para a investigación e para coñecer o perfil xenético da comunidade. Tras a análise, os participantes serán notificados sobre se posúen ou non unha variante de alto risco. De ser así, serán derivados a profesionais especialistas para a confirmación e posterior seguimento. 

Ademais, 100.000 destes 400.000 seleccionados serán convidados a participar cunha mostra de sangre -que se recollerá tamén no seu centro de saúde- nun biobanco de mostras de sangue, plasma e soro que servirá para a investigación, para desenvolver fármacos máis adaptados ás características xenéticas galegas, e que permitirá a Galicia tomar parte en ensaios a nivel nacional e internacional. 

Cribados específicos para determinados cancros e enfermidades cardiovasculares

Ademais da recompilación de ADN e a creación do biobanco, o proxecto irá un paso máis alá, como explicou o presidente galego, e incluirá a posta en marcha de cribados específicos para previr determinados cancros e enfermidades cardiovasculares. “En Galicia sabemos moi ben dos beneficios dos cribados e da diferenza fundamental e crítica entre facelos a tempo ou non facelos”, advertiu. 

Nun primeiro momento, buscaranse as alteracións asociadas ao cancro de mama e ovario hereditario, o síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar, isto é, enfermidades todas elas para as que é posible facer cribados. Deste xeito, se unha persoa do proxecto ten unha variante xenética de alto risco, confirmarase cunha segunda proba e logo entrará no sistema e se lle ofrecerá vixilancia ou tratamento, segundo o qie indique o criterio clínico. 

Galicia, á vangarda da medicina avanzada

Rueda puxo en valor esta iniciativa para a que apuntou que  a Xunta reserva 20 millóns de euros nos orzamentos do próximo anoporque marcará “un antes e un despois” no sistema de cribados, na detección de enfermidades e da sanidade pública do futuro. 

“Desde este pequeno recuncho de España e Europa queremos seguir sendo a vangarda da medicina personalizada e referente a nivel nacional e internacional”, defendeu sobre este proxecto que erixiu como “unha bandeira máis” das que está a erguer a sanidade pública galega e os seus profesionais. 

Neste senso, incidiu en que este proxecto servirá para seguir consolidando un sistema sanitario galego de excelencia, que xa atesoura fitos como o calendario vacinal máis completo do mundo ou uns completos programas de cribado de cancro. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2023