O conselleiro do Medio Rural debullou no Parlamento o próximo presuposto do seu departamento, que sobe un 2,3 % con respecto a este 2023 ata os 694,8 millóns

A Xunta destinará en 2024 83,1 millóns de euros en axudas para potenciar a competitividade e favorecer a remuda xeracional no agro galego

Entre os eixos de traballo da Consellería, José González remarcou o impulso ao sector forestal, que contará con importantes liñas de axuda -como 11 millóns para tecnoloxía ou 2 millóns para favorecer a construción en madeira- e unha aposta polo asociacionismo forestal ou a recuperación e plantación de soutos

Ademais da necesidade dunha planificación integral do territorio, insistiu na importancia de afondar na colaboración coas administracións locais en materia de prevención de incendios, liña para a que se destinarán máis de 27 millóns de euros

Remarcou a importancia da mobilización de terras como axente dinamizador do rural galego, con 7,3 millóns de euros destinados a desenvolver polígonos e aldeas modelo, ademais de 24 millóns enfocados en avanzar nas concentracións parcelarias

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2023
Compartir
  • whatsapp

A Xunta destinará en 2024 máis de 83,1  millóns de euros en axudas para potenciar a competitividade e favorecer a remuda xeracional no agro galego. Así o anunciou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, no Parlamento de Galicia, durante a presentación das partidas orzamentarias do seu departamento para o 2024. Neste sentido, para o vindeiro ano a Consellería do Medio Rural contará con 694 millóns de euros, preto dun 2,3% máis en relación co 2023.

 

Na súa intervención, o conselleiro insistiu nas repercusións do traballo realizado na xestión do rural, un traballo de longo percorrido, explicou, desenvolto coa máxima enerxía e que impulsado a través da planificación. “Porque planificamos de cara ás persoas -aquelas que habitan ou traballan no rural- e de cara ao territorio. Planificamos para o sector primario e para o rural galego”, destacou.

 

José González remarcou fitos fundamentais do seu departamento, como o impulso á Lei da recuperación da terra agraria, -“porque o gran reto é poñer terra agraria de suficiente superficie a disposición dos xestores do territorio, agricultores, gandeiros e silvicultores, e facelo dun xeito áxil e con seguridade xurídica”-; consolidación dunha administración forestal “forte e consensuada” que precisa o sector forestal galego; a Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia; a Lei da calidade alimentaria.

 

Tamén destacou  a capacidade demostrada do goberno galego de atender as demandas dos actores do territorio ante crises como a derivada da inflación. Neste sentido, lembrou os 12 millóns de euros que se destinarán en 2024 aos gandeiros que traballen baixo indicativo de calidade Ternera Gallega. Ademais dos 1,4 millóns de euros destinados a un Plan Apícola Galego ou máis de 2 millóns para programas sanitarios contra a lingua azul.

 
 

Impulso ao agro galego

Debullando as liñas mestras da Consellería, a Xunta impulsará en 2024 o agro galego a través de accións que, en total, superan os 80 millóns de euros. En concreto, González destacou a importancia das axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios, que contarán cun investimento de 36,2 millóns -2 millóns máis que en 2023-.

 

Os investimentos en explotacións, a incorporación de mozos á actividade agraria e á instalación de pequenas explotacións suman, dende 2009, máis de 500 millóns de euros. Partidas que en 2024 sumarán outros 44 millóns -

 

A maiores, neste vindeiro ano contarase con tres novas liñas de axudas. A primeira, tal e como adiantou José González, en materia de incorporación de novas persoas agriculturas -cunha idade comprendida entre os 41 e os 55 anos- para a cal se destina un montante total de 3 millóns de euros. De seguido, esta vez tamén no referido á remuda xeracional, implantarase unha achega de 500.000 euros destinada a persoas agricultoras que se xubilen cedendo a súa explotación ao Banco de Explotacións co obxecto de asegurar esa remuda. En terceiro lugar, porase en marcha unha axuda para investimentos non produtivos por valor de 2 millóns de euros dirixidos a explotacións agrarias, centrada na mellora da paisaxe rural tradicional e os seus elementos representativos, así como na conservación ou recuperación de especies relacionadas co medio agrario.

 

Compromiso co sector forestal

No relativo ao sector forestal, José González puxo de relevo a importancia deste eido, un dos piares do Goberno galego, cun compromiso traducido un ano máis nos orzamentos da Consellería. Resaltou os 7,3 millóns de euros para poñer en funcionamento novas intervencións forestais, a rehabilitación de Lourizán, os 2,1 millóns de euros para apoiar agrupacións de xestión conxunta e asociacionismo forestal ou máis de 3 millóns de euros para novas plantacións e restauracións de soutos tradicionais.

 

Neste sentido, o conselleiro salientou a necesidade dunha xestión ordenada e sostible do territorio, “que debe ser o elemento fundamental para o desenvolvemento do noso rural”. Seguindo esta liña, González comprometeuse a traccionar a demanda pública e privada de construción en madeira, potenciando o uso deste material como elemento construtivo.

 

Así, o conselleiro lembrou a convocatoria da XERA para 2024 dotada con 2 millóns de euros para fomentar a construción en madeira. Anunciouse tamén a publicación dunha Guía para o fomento da madeira na contratación pública de edificacións sustentables para o uso de madeira con fins estruturais en novas construcións.

 

Con todo, a XERA volverá incrementar o orzamento para axudas ás actividades en materia de valorización e dixitalización da industria forestal-madeira e outras industrias que utilicen a resina, a cortiza e os seus derivados ou outros produtos de orixe forestal. Serán en total 2,4 millóns de euros a prol da profesionalidade da industria. Nesta mesma liña, a Axencia destinará 11 millóns do seu orzamento a investimentos para tecnoloxías forestais.

 

Ademais, porase en marcha no 2024 un mercado voluntario de créditos de carbono. Farase mediante un decreto para regulalo, co fin de que se orixinen créditos de carbono derivados da capacidade de absorción e almacenamento das actividades relativas aos usos da terra, ás masas forestais, en substitución doutros cunha maior pegada de carbono. Galicia será a primeira comunidade en regular esta materia.

 

A importancia da planificación na mobilizacións de terras

O conselleiro do Medio Rural lembrou a incidencia no territorio da Lei de recuperación da terra agraria, que entrou en vigor en maio de 2021. No vindeiro ano destinaranse 7,3 millóns de euros a seguir impulsando o desenvolvemento dos polígonos agroforestais -en 2024 licitaranse os primeiros polígonos agrogandeiros de Galicia- e aldeas modelo.

 

A “obsesión” do Goberno galego, asegurou o conselleiro, é axilizar a mobilización de terras, co fin de dotar canto antes aos agricultores, gandeiros e silvicultores da nosa comunidade de terra para o desempeño da súa actividade. Neste sentido, González tamén afirmou que se seguirá a traballar nas zonas de reestruturación parcelaria e no arranxo de pistas. Para levalo a cabo, destinaranse 24 millóns de euros. Así, comprometeuse a decretar unha nova zona de reestruturación parcelaria por cada rematada -entre 2020 e 2023 rematáronse 29 parcelarias, cunha superficie total de 19.500 hectáreas, e dende 2021 decretáronse outras 29 parcelarias, abarcando máis de 23.810 hectáreas-.

 

Prevención de incendios

No referido á prevención de incendios forestais, o conselleiro do Medio Rural quixo remarcar que esta é unha cuestión transversal: “A prevención comeza pola planificación, continúa coa mobilización da terra e coa súa posta en valor, e chega ata a limpeza das franxas, a formación dos axentes e bombeiros forestais e ata a concienciación cidadá”.

 

Nesta folla de ruta, despois de incidir na importancia dunha planificación integral dos territorios afectados polos lumes, González puxo de relevo a colaboración público-privada para a recuperación destas áreas, o fomento de especies e a silvicultura preventiva é unha realidade que se materializará cun investimento total de 3,25 millóns de euros. A este montante súmanse os 9 millóns de euros destinados por Inditex, a primeira empresa en colaborar con este fondo posto en marcha pola Xunta para anticiparse aos incendios forestais da comunidade. Trátase dun proxecto que terá unha duración de tres anos e beneficiará a máis de 100.000 persoas de 26 concellos galegos das comarcas do Courel, Valdeorras, Monterrei, O Barbanza e o Macizo Central.

 

Con todo, o conselleiro puxo en valor a colaboración coas administracións locais en materia de prevención, que sumará uns 27 millóns de euros. En primeiro lugar, con 12 millóns de euros para afondar no convenio de protección das aldeas, asinado coa Fegamp e Seaga, co fin de facer unha boa xestión da biomasa dos concellos adheridos -282 municipios actualmente-. A maiores, outros 12 millóns de euros para colaborar coas brigadas municipais en tratamentos preventivos; aos que se suman 2 millóns na compra de media ducia de máquinas multifunción e os máis de 600.000 euros englobados dentro do acordo anual coa Deputación de Ourense para a compra de 12 novos tractores -estase a traballar nunha colaboración destas características coa Deputación de Pontevedra-.

 

Neste sentido, o conselleiro lembrou que só no relativo á mellora ou á construción de infraestruturas preventivas destinaranse 11,6 millóns de euros no vindeiro 2024, mellorando pistas e cortalumes, avanzando en faixas auxiliares de pistas e construíndo novos puntos de auga. Ademais da adquisición de novas cámaras de videovixiancia (0,5 millóns de euros), renovarase e ampliarase o parque móbil coa adquisición de novos modelos de vehículos motobombas lixeiros por valor de 4 millóns de euros. Neste respecto, cómpre destacar que na última década renováronse 125 vehículos motobomba, o que supón un 80 % dos vehículos motobomba cos que conta o dispositivo.

 

No vindeiro 2024, tamén se renovarán e ampliarán os contratos de servizos de medios aéreos de extinción, incrementando o seu orzamento ata acadar os 13,95 millóns de euros. Investiranse tamén 2,8 millóns de euros en EPIs de extinción e na adquisición de autorrescatadores. Ademais, seguirase a apostar pola uniformidade do Servizo de extinción de incendios por medio de novos equipamentos, como bolsas de transporte de equipos e sopradores portátiles de batería. E destinaranse dous millóns de euros para fomentar a gandaría en extensivo orientada a crear e manter pastos na zona de maior risco de incendios, ademais de adquirir rabaños propios.

 
 

Calidade

Coa mención á Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José González salientou a importancia e peso que lle confire a Xunta de Galicia á procura da calidade. Neste sentido, destínanse un total de 6 millóns de euros a un plan de promoción de produtos alimentarios galegos, materializando o férreo compromiso do Goberno galego con este eido. Esta promoción levarase a cabo a través de accións como campañas publicitarias, organización de feiras de produtos agroalimentarios e incluso unha nova liña de axudas para a promoción dos viños en terceiros países por 2 millóns de euros -o sector vitivinícola contará, en total, con achegas por 9 millóns de euros en 2024-.

 

Tamén incidiu na protección como segundo aspecto fundamental no que se pretende avanzar e que se traduce a través dos selos de calidade diferenciada que permiten protexer o bo facer dos produtores galegos. Con todo, a futura Lei da calidade alimentaria, en trámites no Parlamento, servirá para consolidar todas as accións que se teñen posto en marcha para consolidar este sector.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/10/2023