Rueda resalta que a Xunta equiparará as bebidas enerxéticas ao alcohol e os vapeadores ao tabaco a través da Lei de protección da saúde dos menores

Destaca que se inicia a tramitación desta normativa pola que “quedará prohibida” a venda destes dous produtos a menores de idade na comunidade

“Galicia vaise situar á vangarda na prevención de condutas adictivas en menores”, salienta o presidente

O conselleiro de Sanidade resalta que o obxectivo é “concienciar a sociedade galega” e reducir “a tolerancia” ante o consumo de certos produtos

Estenderanse os espazos sen fume ás paradas de autobús e as piscinas públicas así como a contorna de centros sanitarios ou docentes

Promóvese a diferenciación das bebidas enerxéticas fronte a isotónicas ou refrescos obrigando os establecementos de venda a localizalas de forma separada

As xefaturas territorais de Sanidade substituirán aos concellos na imposición de sancións pola práctica do botellón

A Xunta ofrecerá cursos de deshabituación tabáquica ou de eliminación do consumo de alcohol en botellóns como substitutos das sancións por incumprimentos no consumo ou venda de produtos nocivos ou que crean adicción
 

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou iniciar a tramitación do Proxecto de lei de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas adictivas “que vai equiparar as bebidas enerxéticas ao alcohol e os vapeadores ao tabaco”. É dicir, tal e como explicou, grazas a nova normativa “quedará prohibida a venda e consumo destes dous produtos a menores de idade” na comunidade galega.

Tendo en conta os resultados da última enquisa ESTUDES publicada en 2022 sobre as tendencias de consumo da mocidade en canto a alcohol, tabaco, cannabis, bebidas enerxéticas, xogo e uso de internet e novas tecnoloxías, a Consellería de Sanidade deseñou unha lei que promove hábitos de vida saudables e regula o seu consumo, especialmente entre menores. Esta norma segue o mandato acordado polo Parlamento de Galicia de forma unánime en 2021 a través dunha proposición non de lei.

Rueda salientou que grazas a esta normativa “Galicia se vai situar á vangarda na prevención de condutas adictivas en menores de idade” e resaltou que o obxectivo é “combater os efectos perniciosos acreditados” de substancias coma os cigarros electrónicos ou as bebidas enerxéticas. Na mesma liña, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, salientou que se trata dunha lei que busca “previr máis que castigar” e coa que se busca “concienciar a sociedade galega” sobre os efectos para a saúde destes produtos e “reducir a tolerancia” que aínda pode existir cara eles.

Concienciación pioneira sobre bebidas enerxéticas

O presidente resaltou que Galicia “vai ser pioneira” na regulación das bebidas enerxéticas “que conteñen altas doses de cafeína e outras substancias estimulantes”. Así, no proxecto de lei que será publicado no Portal de Transparencia da Xunta, prohíbese o seu consumo por parte de menores, dado que poden producir alteracións do sono, ansiedade, irritabilidade, arritmias e outras problemáticas de carácter neurolóxico ou psicocomportamental. Ademais, é preocupante a súa mestura con alcohol, xa que as bebidas enerxéticas enmascaran os efectos depresivos das bebidas alcohólicas.

Polo tanto, en Galicia non estará permitido dirixir publicidade de bebidas enerxéticas a menores de idade. Igualmente, non poderán ser promocionadas en centros sanitarios, centros docentes para menores e centros destinados a menores, en espazos recreativos como parques temáticos, espazos de entretemento ou divulgación e en recintos ou espazos de actividades deportivas no momento en que deportistas ou practicantes sexan maioritariamente persoas menores. Nestes mesmos espazos, estará prohibida a venda de bebidas enerxéticas. En canto á publicidade, entendendo o poder de influencia sobre infancia e adolescencia, os eventos dirixidos a menores non poderán estar patrocinados por este tipo de produtos.

Desta forma, do mesmo xeito que as persoas menores non terán permitido consumir nin comprar bebidas enerxéticas, estará prohibida a súa venda a menores así como a súa presenza en máquinas expendedoras. No resto de establecementos, a localización das bebidas enerxéticas deberá estar separada dos refrescos para evitar que se conciban como produtos similares e deberá esixirse o DNI para acreditar a maioría de idade da persoa consumidora, salvo que sexa evidente de forma clara.

No que se refire ao alcohol, tal e como explicou o conselleiro, esta nova lei introduce como novidade que as xefaturas territoriais de Sanidade, e non os Concellos, poidan impoñer sancións á práctica do botellón e ademais, poderán ser sancionados os concellos que permitan a presenza de botellóns no seus territorios.

En canto á publicidade, as bebidas alcohólicas, cando se publiciten na vía pública, terán que localizarse a máis de 200 metros de calquera centro docente ou de protección de menores. En revistas, libros ou folletos, a súa publicidade non poderá estar situada na portada ou contraportada e, nos folletos que conteñan no seu interior ofertas ou promocións de bebidas alcohólicas en supermercados galegos, o anuncio deberá incorporar un código QR que remita a unha web da Xunta con mensaxes informativas para previr o seu consumo. Como excepción, estas limitacións non serán aplicables a festas declaradas de interese turístico.

Prevención do tabaquismo en menores

No referente aos cigarros electrónicos, Rueda lembrou que “inclúen nicotina” e que “aínda que as veces se venden son deseños pensando na poboación más nova, non son produtos para nenos e adolescentes”. Por iso, con esta nova normativa Galicia prohibirá a súa compra e uso por parte de persoas menores, equiparando a lexislación deste produto á normativa referente ao tabaco.

Do mesmo xeito, para reducir os efectos nocivos de ser fumador pasivo, establécese a prohibición de fumar nas marquesiñas e paradas do transporte público ou nas piscinas de uso público e regúlase un espazo libre de fume obrigatorio de 50 metros a cada lado con respecto a dependencias das administracións públicas, recintos sanitarios ou centros docentes e formativos.

Así, preténdense reducir os riscos para a saúde que provocan o tabaco, xa que é a primeira causa de morte evitable segundo a Organización Mundial da Saúde e causa de 12 tipos de cancro, máis alá do cancro de pulmón.

Educación no uso de novas tecnoloxías

Ademais a Xunta facilitará formación ás familias e incorporará ao currículo educativo pautas sobre a supervisión, tempos de uso e contidos de redes sociais e novas tecnoloxías entre menores porque o seu uso inadecuado pode levar ao fracaso escolar ou a problemas de relacións interpersoais de diversa gravidade.

No que atinxe aos videoxogos, tal e como explicou Comesaña, a lei promovida pola Xunta marcará nos establecementos de venda unha organización clara de cada videoxogo en función da idade recomendada.

Aposta pola información fronte ás sancións

O texto acordado hoxe no Consello da Xunta inclúe un apartado das sancións correspondentes a cada tipo de infracción, para garantir o seu cumprimento, aínda que se especifica que as infraccións leves ou graves poden substituír a multa correspondente por programas preventivos ou asistenciais que a Consellería de Sanidade xa facilita actualmente a través de unidades de prevención de condutas adictivas en concellos ou asociacións.

Desta forma, búscase acadar o obxectivo de fomentar hábitos de vida saudables entre a poboación galega. Así, unha persoa que fume onde non está permitido exponse a unha sanción que pode chegar aos 601,01 euros no seu grao mínimo ou ben podería ser conmutada por cursos para deixar de fumar ou eliminar o hábito de consumir alcohol en botellóns. No caso de persoas ou establecementos que, por exemplo, permitan o consumo de substancias prohibidas para menores ou fumar en lugares prohibidos poden ser sancionados coa suspensión de subvencións públicas de concellos ou da Administración autonómica.

O contido desta lei foi tratado cos sectores da hostalería e ocio nocturno, bebidas alcohólicas ou supermercados de nivel nacional en máis dunha ducia de reunións.

 
 
 


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/11/2023