A Xunta destaca o investimento de máis de 580.000 € para a mellora das fiestras e da fachada do CPI Armado Cotarelo Valledor como un compromiso cumprido con Boimorto

O delegado territorial na Coruña asegurou que todas estas as actuacións teñen como obxectivo adaptar os centros educativos de toda a xeografía galega de acordo cos novos retos tecnolóxicos e ambientais facéndoos máis confortables, seguros e sostible

 

Boimorto  (A Coruña), 6 de novembro de 2023

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, visitou o CPI Armando Cotarelo Valledor para supervisar o resultado das obras realizadas de substitución de fiestras e de renovación do SATE (sistema de aislamento térmico exterior) no edificio infantil e na parte nova do edificio principal que contaron cun investimento de máis de 580.000 euros. O delegado da Xunta subliñou que esta obra, que está a piques de rematar, “é un compromiso cumprido cos veciños de Boimorto e coa súa alcaldesa”.  

O representante do Goberno autonómico puntualizou que con este tipo de actuacións o Goberno autonómico está a traballar para transformar e adaptar os centros educativos de toda a xeografía galega de acordo cos novos retos tecnolóxicos e ambientais “facéndoos máis confortables, seguros e sostibles”.  Neste senso, engadiu que, “dende a Xunta seguimos reforzando a nosa aposta pola educación pública de calidade impulsando distintas melloras nos centros educativos dos concellos con obras de maior ou menor envergadura, de mantemento e conservación ou dirixidas a garantir unhas instalacións axeitadas e dotadas con todos os medios necesarios”. 

Con respecto á obra prevista consistíu na substitución de todas as carpinterías exteriores obsoletas que quedaban (as da planta segunda xa foron cambiadas) e a execución dun illamento térmico exterior continuo mediante un sistema SATE nas fachadas norte, sur, leste e oeste do edificio. 

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Tal e como sinalou o titular do departamento educativo da Xunta estas actuacións forman parte do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta aprobada no ano 2021 cunha inxección inicial de 191 millóns de euros para abordar todas as intervencións que se fan nos centros educativos co obxectivo de que estean mellor acondicionados, máis implicados coa educación dixital e as novas metodoloxías, máis sustentables e máis confortables para o profesorado e para o alumnado. Este plan, ampliado ata os 243 millóns de euros para facer fronte ás necesidades dos centros educativos, suma na actualidade 421 grandes obras. 

Estas actuacións contan co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/11/2023