O conselleiro do Medio Rural, o conselleiro do Mar e a directora xerente de Galicia Calidade asistiron hoxe á segunda xornada do Gastronomic Forum Barcelona, que se celebra ata mañá na capital catalá

A Xunta difunde na segunda xornada do Gastronomic Forum de Barcelona a potencia da industria alimentaria galega do campo e do mar baixo a etiqueta de Galicia calidade

26 empresas e produtos representantes da industria alimentaria galega amparados polos selos de calidade de DO ou IXP, participan través do stand de Galicia Calidade, froito do esforzo conxunto do goberno autonómico

José González asistiu á cata degustación das DOP de queixos e mel de Galicia, avanzando que o goberno autonómico investirá nas próximas semanas 400.000 euros nunha campaña de promoción dos queixos galegos con selo de calidade diferenciada

Alfonso Villares enxalzou a calidade da pescada de pincho de Celeiro e pon como modelo o labor dos produtores e a súa aposta pola pesca a través de artes selectivas

Ana Méndez resaltou a importancia do sector alimentario dentro da marca de Galicia Calidade, onde máis do 50 % dos produtos pertencen a dito sector
 

Barcelona, 7 de novembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e a directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, asistiron esta mañá á segunda xornada do Gastronomic Forum Barcelona, feira internacional que reúne a milleiros de persoas e centenares de empresas e na que a industria alimentaria galega se promociona a través da súa presenza no stand de Galicia Calidade.

No espazo habilitado pola Xunta a través da colaboración da Consellería do Medio Rural, a Consellería do Mar e a Consellería de Economía, Industria e Innovación están 26 empresas de sectores referenciais do campo e o mar xunto a unha selección de produtos e que, no seu conxunto, terminan de completar o escaparate de potencialidade alimentaria e gastronómica de Galicia. Todos os presentes na feira, que se celebra ata mañá en Barcelona, están baixo a marca Galicia Calidade -ou en proceso de certificación-, ou amparados por indicativos como a denominación de orixe ou a indicación xeográfica protexida.

A Dentro da área Experiencias de Calidade, a programación de hoxe incluiu demostracións de cociña ao vivo –“Merluza de Celeiro”- ou catas-degustacións de produtos galegos con indicativo de calidade –“Irmáns de Leite / Mel de Galicia”, “A horta con selo” e dos blancos premiados nas Catas de Galicia do 2023-, todas enfocadas a promocionar a gastronomía galega baseada en produtos galegos. Estas actividades están dirixidas por profesionais da restauración galega e persoal dos consellos reguladores e Agacal.

Posta en valor dos produtos galegos

O conselleiro do Medio Rural asistiu hoxe á cata das catro denominacións de orixe protexidas de queixos de Galicia -Arzúa Ulloa, Queixo Tetilla, Cebreiro e San Simón-, acompañados de produtos das indicacións xeográficas protexidas Pan de Cea e Mel de Galicia. Ademais, convidou a todos os asistentes ao Gastronomic Forum Barcelona a participar pola tarde nas degustacións dos viños brancos premiados nas Catas de Galicia 2023 e “A horta con selo”.  

Nesta liña, José González afirmou que “o leite, o viño e a horta son tres bandeiras da nosa terra”, tres motores socioeconómicos do rural galego que a Xunta impulsa de xeito decidido, a través do apoio aos sectores, as liñas de promoción e a presenza en eventos nacionais e internacionais como o Gastronomic Forum Barcelona, xunto a seguir impulsando eventos propios como as propias catas de Galicia -as de mel e queixo do 2023 celebraranse nuns días-.

No referido ao lácteo, o conselleiro destacou que conta coa súa propia estratexia de dinamización, coa que se pretende seguir reforzando na profesionalización dun sector que é fundamental para a economía galega e que é referente en Europa –“cada vez producimos máis e mellor leite, con explotacións máis modernas e competitivas”-. Deste xeito,  no referido ao queixo, a Xunta busca apostar por aumentar o peso das DOP de queixo galego na transformación industrial láctea, adaptando o formato e os envases ás novas demandas de consumo. Galicia cada vez industrializa e transforma máis leite galego -o obxectivo marcado na Estratexia é acadar o 75 % de cara ao 2025-.

González anunciou que nas próximas semanas se activará unha potente campaña de promoción dos queixos galegos con DO con 400.000 euros para impulsar a súa venta de cara as datas navideñas. “Porque para o goberno galego, a promoción da nosa industria alimentaria é fundamental e vai en paralelo ao noso traballo a prol da protección da calidade. E por iso, no 2024 a Consellería de Medio Rural destinará outros 6 millóns de euros a difundir a riqueza dos nos produtos agroalimentarios”.  

No referido ao eido do viño, lembrou que a de 2023 vén de ser a mellor vendima da década. Cara o 2024, invertiranse 9 millóns de eurso no sector, afondando tamén na colaboración cos consellos reguladores. Na mesma liña de cooperación con eixos estratéxicos do agro, en 2024 se completará a Estratexia da Horta Galega e destinaranse 1,4 millóns de euros ao Plan Apícola. 

González quixo celebrar a presenza na feira de empresas referentes no seu sector, representados en produtos con selo de calidade como as denominacións de orixe vitivinícolas, os xeados elaborados con leite galego, licores e augardentes ou legumes.

 Apoio ao agro galego

Co fin de seguir potenciando estes sectores e avanzar na modernización e competitividade no rural galego e favorecer a remuda xeracional, a Xunta inverterá máis de 83 millóns de euros para cumprir diferentes obxectivos. En primeiro lugar, destinaranse 32,6 millóns de euros para a transformación e comercialización de produtos agrarios; 27 millóns de euros irán destinados a investimentos produtivos en explotacións agrarias.  

Por último, favorecerase a remuda xeracional con 16 millóns de euros. Dende 2009, 4.500 mozos se incorporaron ao agro grazas a esta liña de achegas, que xunto coa convocatoria de 2024 acumula unha inversión de 164 millóns de euros nos últimos 15 anos.

A maiores, José González referiuse á necesidade de base territorial por parte dos produtores, polo que a Xunta busca mobilizar terra da máxima calidade dun xeito áxil e con seguridade xurídica con accións como a Lei de recuperación da terra agraria e as concentracións parcelarias, que se apoiarán no 2024 cunha inversión global de 31 millóns de euros, ademais dos 3,6 millóns do Plan de Pastos de Galicia.

Consellería do Mar

O stand de Galicia no Gastronomic Fórum Barcelona colleu un ‘showcooking’ no que a protagonista indiscutible foi a pescada de pincho de Celeiro. Segundo destacou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, as marcas Merluza do pincho de Celeiro e Merluza de volanta de Celeiro poñen en valor un produto de enorme calidade que ademáis é extraído polos armadores lucenses no Gran Sol a través de artes selectivas e sostibles. Tamén sinalou que ambas contan co respaldo doutros selos de garantía como son a marca Galicia Calidade, o distintivo Calidade Tradición Carrefour e a certificación de Friend Of The Sea. 

O titular de Mar resaltou que a pescada é o produto estrela do mar en Celeiro, que durante o ano 2022 acaparou o 45 % das descargas e preto da metade do valor xerado nas lonxas galegas por esta importantísima especie. As 25 embarcacións vinculadas ao Porto de Celeiro e a súa organización de produtores, a OPP-77, concentran case o 30 % de toda a capacidade pesqueira deste peixe en augas europeas. Na actualidade representa, con arredor de 13.000 Ton, preto da cuarta parte da comercialización do peixe fresco chegado ás lonxas galegas entre xaneiro e xuño de 2023 e tamén lidera a táboa por ingresos, con máis de 48,5 M€ no primeiro semestre, máis da cuarta parte da facturación total (25,5 %).

Alfonso Villares puxo en valor a importancia deste tipo de accións para promocionar os peixes e mariscos galegos máis alá das nosas fronteiras e dar a coñecer as súas excelentes propiedades nutricionais e culinarias polo que cada día son máis valorados polos consumidores. Nese sentido, puxo de manifesto a necesidade de promover a dieta atlántica como exemplo de dieta equilibrada e saudable así como do compromiso do goberno galego en continuar apostando pola realización de campañas de fomento do consumo dos productos do mar de Galicia.

Consellería de Economía, Industria e Innovación

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, resaltou a importancia do sector alimentario dentro da marca de Galicia Calidade, onde máis do 50 % dos produtos pertencen a dito sector. “O viño, os queixos, os produtos do mar ou a carne, entre outros, teñen contrastada calidade en Galicia e as empresas que os producen son meredoras do distintivo”, salientou. 

Ademais, destacou, a aposta do selo de garantía por seguir certificando “outras empresas galegas que contan con produtos de moita calidade, e que levarán o nome de Galicia polo mundo”. “Estamos a traballar en seguir medrando e aumetando o número de empresas certificadas pero sen rebaixar os estándares de calidade, esixindo sempre os máximos controis e auditorías para garantirlle ao consumidor que está diante dun produto de primeira e producido en Galicia”, concluíu Méndez.  

Experiencias de calidade

O Fórum Gastronómic de Barcelona é un importante escaparate para o sector alimentario galego, converténdose nunha plataforma ideal para que os produtores galegos poidan ter acceso a novos mercados, de xeito que poidan chegar a un público global e establecer contactos con potenciais clientes e socios comerciais de diferentes partes do mundo.  

A presenza na feira, que se celebra ata mañá en Barcelona, permítelles amosar os seus produtos, realizar demostracións en vivo, entregar mostras e material promocional e xerar interacción directa cos milleiros de visitantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/11/2023