A Xunta remata as obras que completan a rede de saneamento do concello de Irixoa e que supuxeron un investimento de 310.000 €

Ampliouse a rede municipal para dar servizo a todos os núcleos da parroquia, executándose 5 ramais en tubaxe para conducir as augas residuais á depuradora

Coa actuación realizada darase servizo a unha poboación de 242 habitantes no ano horizonte 2041

Augas de Galicia entregoulle hoxe estas infraestruturas hidráulicas ao Concello, que dotan aos veciños dun servizo municipal axeitado de saneamento

As obras forman parte da colaboración entre a Xunta, que executou as obras e asumiu o 80 % do investimento, e o Concello, que contribuíu co 20 % restante

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de rematar as obras que completan o servizo de saneamento municipal no concello de Irixoa, tras un investimento de 310.000 euros.

As obras realizadas centráronse en conectar os distintos núcleos da parroquia de Irixoa á estación depuradora de augas residuais e ao tramo do colector xeral que anteriormente só chegaba ata a parte central da zona urbana do núcleo.

Para iso executáronse 5 ramais en tubaxe, que se instalaron nas marxes das estradas existentes, entre elas, a vía autonómica AC-151 e a provincial DP-0905.

Os traballos levados a cabo permiten que as augas residuais recollidas se vertan en dous puntos da rede de saneamento existente e sexan conducidas ata a depuradora. Tamén se instalaron 3 pozos conectados por tubaxe de PVC para unir todas as vivendas á rede na marxe contraria da estrada DP-0905.

A Xunta entregoulle hoxe as infraestruturas hidráulicas ao Concello, que dotan aos veciños deste municipio dun servizo axeitado de saneamento.

A actuación permite dar servizo directamente a unha poboación de 177 habitantes para o ano horizonte 2041 que, sumada á actuación xa realizada anteriormente de conexión á depuradora, suporá un total de 242 habitantes nese ano horizonte.

Esta actuación enmárcanse no convenio de colaboración entre a Consellería de infraestruturas e Mobilidade e o Concello para impulsar esta mellora da rede de saneamento da parroquia de Irixoa, conformada por varios núcleos.

Mediante esta colaboración, Augas de Galicia cofinanciou a actuación nun 80 %, e o Concello de Irixoa contribuíu co financiamento do 20 % restante.

A actuación foi financiada pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta de la Unión á pandemia da covid-19.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento.

Data de actualización: 09/11/2023