O presidente da Xunta participa no acto de entrega do Premio Ourensanía 2023

Rueda destaca o talento e a visión empresarial de Adolfo Domínguez para levar o nome de Galicia a todo o mundo a través da moda

Enxalzou a capacidade dos galegos de crear e erguer estruturas empresariais que asombran polo seu poderío neste ámbito

Salientou a figura do deseñador, polo seu “amor á terra, intelixencia e liberdade, ao final, o concepto dun artista”

Ourense, 10 de novembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o talento e a visión empresarial de Adolfo Domínguez para levar o nome de Galicia por todo o mundo a través da moda. Tamén destacou o papel dos galegos no que a moda se refire, creando e erguendo estruturas empresariais que asombran polo seu poderío. Ao mesmo tempo salientou o “prestixio” da marca de Domínguez en moitos países, que o identifican como “o galego artista e o galego empresario”.

 

Así o asegurou, acompañado pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o conselleiro do Medio Rural, José González, durante o acto de entrega do Premio Ourensanía 2023, que este ano recolleu o deseñador galego, do que destacou a súa aposta pola “tradición, innovación e continuidade”. No acto tamén se destacou a figura de Xosé Ramón Fernández Oxea, tamén coñecido como Ben-Cho-Shey, o cal recibiu o Premio Ourensanía de Honra nesta edición.

 

O titular do Goberno galego quixo agradecer á Deputación de Ourense por recoñecer con estes galardóns o labor de “ourensáns ilustres que en todas as épocas souberon ir máis aló” e expoñer a “ourensanía” polo resto do mundo, “como xa fixeron os galegos a través do Camiño de Santiago e a través das migracións”.

 

Por último salientou a personalidade polifacética do artista e o seu “amor á terra, intelixencia e liberdade, ao final, o concepto dun artista”, asegurou o presidente da Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/11/2023