A Xunta contribúe con 44.000 euros á dinamización do comercio da cidade a través da asociación de comerciantes de Ferrol Centro

A delegada territorial recibiu esta mañá aos novos presidente e xerente da entidade, unha das beneficiarias das axudas para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia

Esta convocatoria da Consellería de Economía, Industria e Innovación contou este ano cun orzamento de 2,25 M€
 

Ferrol, 13 de novembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, recibiu esta mañá á nova directiva da Asociación de Comerciantes de Ferrol Centro (ACOF), unha das entidades beneficiarias das axudas da Xunta para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia.

Na reunión, a delegada territorial coñeceu da man do seu presidente, Olegario Álvarez e da xerente da entidade, Belén Pérez, as principais accións que están a levar a cabo desde a asociación e que repercuten directamente na activación comercial do centro da cidade.

Esta liña de axudas da Consellería de Economía, Industria e Innovación que contou este ano cun orzamento de 2,25 M€, pretende fomentar o comercio a través destas entidades sen ánimo de lucro que son as que coñecen de primeira man as necesidades e intereses dos comerciantes de cada zona.

No caso concreto de ACOF, percibiu por este concepto unha achega autonómica de preto de 44.000 euros para levar a cabo accións de dinamización comercial, fidelización da clientela e unidade xerencial.

“Son os comerciantes e empresarios os que mellor coñecen as necesidades do mercado por iso desde a Xunta confiamos nestas asociacións sen ánimo de lucro para testear o terreo e canalizar a través deles á axuda autonómica da forma máis eficaz posible”, explicou Aneiros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/11/2023